O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, vén de remitirlle ao Concello unha misiva na que lle reitera a plena disposición da Xunta á colaboración para mellorar, non só o servizo de autobús a Peinador, senón o conxunto do transporte público na cidade. «Non obstante, precisa que este obxectivo pasa pola integración da cidade na Área de Transporte Metropolitano de Vigo, que permitiría incrementar ata en 400 euros ao ano os aforros dos cidadáns nos seus desprazamentos», sinala o comunicado.
«O Goberno galego ten entre as súas prioridades o fomento dunha mobilidade sustentable, poñendo ao servizo dos cidadáns un transporte público eficaz. Neste sentido, o Executivo autonómico, co fin de facilitar unha correcta accesibilidade en transporte público ao aeroporto de Peinador, en febreiro de 2016, brindoulle ao Concello a súa colaboración técnica e económica a prol dunha mellora liña de autobús municipal que presta ese servizo», aseguran desde a Xunta.
Na nota remitida aos medios de comunicación asegura que o Goberno galego ofreceuse a asinar un acordo co Concello para achegar a mesma cantidade económica que destina a reforzar o autobús Santiago- Lavacolla. «Cabe aclarar que no caso de Vigo, esa liña de autobús é de titularidade municipal, a diferencia da que conecta Compostela co aeroporto, que é interurbana de competencia da Xunta», asegura.
«A Administración local demostrou nulo interese por mellorar esa liña, amosando pretender que a achega económica da Xunta servise para poñer en marcha un autobús máis caro e máis lento que o que existe na actualidade», engade a Xunta.
«O autobús entre Santiago e Lavacolla pode pagarse coa tarxeta de transporte metropolitano a un prezo de 0.86 euros, pois esta conexión está integrada na Área de Transporte Metropolitano de Santiago. En Vigo, o Concello plantexaba que ese autobús tivese un prezo único de 2 euros, resultando desa forma máis caro aínda que mesmo o billete sen bonificar do resto dos Vitrasa. Así, a postura do Concello non reflicte unha aposta real por mellorar a liña co aeroporto, senón que pode entenderse como interese por beneficiarse dunha inxección monetaria que reduza o custe que o transporte público municipal ten para as arcas municipais», apunta o goberno galego.
Comunicado do Concello de Vigo
«En relación ao comunicado feito público hoxe pola Xunta de Galicia sobre o autobús directo ao aeroporto de Vigo, este Concello quere aclarar que o acordo acadado entre ambas administracións en ningún caso tiña relación algunha co Plan de Transporte Metropolitano. De feito, é a Xunta de Galicia a que introduce a cuestión despois de finalizar as negociacións co Concello, cando o texto estaba pactado, co obxectivo evidente de romper o acordo en Vigo», sinala o Concello.
«Unha vez máis, a Xunta de Galicia minte e pretende enganar á cidadanía. A nova liña ao aeroporto de Vigo nada tiña que ver co Plan de Transporte Metropolitano da Xunta de Galicia, que ademais introduce agora a salvedade de que o autobús en Vigo é urbano para defender seguir adicando 340.000 euros anuais á liña directa entre Santiago e o seu aeroporto mentres non destina un euro ao autobús directo entre Vigo e o seu aeroporto», engaden desde Praza do Rei.