O Nadal Solidario da Xunta de Galicia chegou este sábado a súa fin tras tres semanas de intensa actividade nas que se chegaron a programar un cento de actividades.
Segundo informou a delegada territorial en Vigo, Corina Porro, superáronse todas as expectativas con máis de 200.000 visitas desde a súa apertura ao público o pasado 16 de decembro. En canto ás doazóns, empresas e vigueses mostraron a seu lado máis solidario coa achega de colchóns, roupa, produtos de alimentación ou xoguetes ademais doutras achegas a través dos vales compromiso para as entidades sociais que participaron neste espazo. En total 24 ONGs que tiveron a oportunidade de amosar o importante traballo que desenvolven ao longo de todo o ano.
En canto a programación deste sábado, o Tinglado acolleu unha das actividades máis esperadas para facer as delicias dos máis cativos e tamén dos adultos, que puideron gozar da man dos xogos máis populares e tradicionais de Galicia, recuperados e postos en valor nos últimos anos.
Así, no exterior do Tinglado dispuxéronse tres zonas diferenciadas onde os nenos e nenas e os seus familiares tiveron a oportunidade de aprender a xogar á billarda, os bolos e á chave, a través de monitores expertos que lles explicaron as regras que rexen en cada caso, e houbo ata reparto de regalos entre os xogadores. Unha boa maneira de despedir estas datas de Nadal que están a piques de chegar ao seu fin.
E moitas foron as persoas que nesta última xornada do Nadal Solidario da Xunta de Galicia se achegaron ata o porto vigués para participar nos talleres infantís, ver o Nacemento da Catedral de Santiago e presenciar as actuacións das bandas escola de Matamá, San Miguel de Oia, Valladares e Candeán e o grupo Mariachi Noche de Ronda de Redondela.
Espazo solidario
Cómpre lembrar que o cerne desta iniciativa foron as 24 ONGs e organizacións solidarias participantes coas que o Goberno galego buscou fomentar a solidariedade. Un lugar no que vigueses, turistas, peregrinos e empresarios puideron achegarse para aportar o seu grao de area. Un espazo, ideado pola Delegación Territorial de Vigo en colaboración coa sociedade civil e coa implicación de varias consellerías da Xunta e o Porto de Vigo, que buscou canalizar a expresión solidaria dos cidadáns, pero que é moito máis, xa que permitirá encher a cidade de Vigo de cultura e tradición.
Deste modo, a iniciativa tivo como obxectivo traballar coa sociedade civil, con entidades solidarias, fomentar accións participativas de ambiente familiar e colaborar en positivo coa cidade cun nadal próximo, xeneroso e solidario, con máis dun cento de actividades ao longo de todo o día.
Un proxecto co que se procurou pór o foco de atención sobre os aspectos máis tradicionais do Nadal, nun espazo pensado para todos os públicos, coas familias como prioridade, cun programa que protagonizaron os vigueses de principio a fin.
Nacemento da Catedral de Santiago
Un dos aspectos máis atraentes no interior do Tinglado foi a mostra do Belén da Catedral de Santiago de Compostela, que en 60 metros cadrados amosa preto de 500 pezas articuladas. Asemade, houbo tamén demostración de oficios tradicionais, concertos de coros infantís, jazz, teatro e danza.
O apartado da animación correspondeulle durante estes días á Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e Asociacións de Corais Polifónicas, rondallas e agrupacións teatrais da cidade. Estiveron presentes, alumnos da Escola de Arte Dramático, o coro infantil da Fundación Mayeusis, a Coral Casablanca ou os Bolechas, entre outros. Asemade, grupos locais e de jazz encargáronse de amenizar no horario ampliado ata as 00.00 horas as noites dos sábados e domingos.
Á decoración tradicional do Nadal se sumaron, no interior do Tinglado, nove casetas de madeira que contaron con actividades propias nas que participaron a Autoridade Portuaria de Vigo, que deu a coñecer os seus ambiciosos proxectos medioambientais; a Consellería de Medio Ambiente, coa celebración de talleres infantís que ofreceron desde experimentos de “Ciencia Divertida” ata actividades de reciclaxe e concienciación medioambiental; a Consellería de Mar, con actividades informativas das súas campañas; a Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería do Medio Rural, que puxeron o foco de atención nos seus diferentes programas; Anfaco, que fixo demostracións de conservas, degustacións e organizou talleres informativos e showcookings; e as 24 ONGs que, en diferentes quendas durante as mañás e as tardes, tiveron a oportunidade de trasladar o seu proxecto solidario á cidadanía.
Tiveron así representación, APAM, Aspanaex, San Rafael, San Francisco, Igualarte, Down Vigo, Alento, Cáritas, o Comedor da Esperanza, as Misioneras do Silencio, AFAN, Ayuvi, Afaga, Asdegal, Red Madre, a Fundación Balms, Fundega, Discamino, Bicos de Papel, Asanog, Fundación Stop, Vida Digna, a Fundación Magar e a Asociación de Xordos de Vigo.
Así mesmo, a programación contou con xornadas especiais para os colexios, centros sociais de maiores e os nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro.
Por último, a Fundación Celta de Vigo trouxo xogadores do equipo de primeira división e do equipo Integra, formado por deportistas con discapacidade (gañadores no 2019 da Copa de España), cos que os visitantes puideron compartir momentos e pedirlles autógrafos.
Poboado de Nadal, Reis Magos e carrusel
Xa no exterior do Tinglado, na viguesa Praza da Estrela, houbo disposto un poboado de Nadal e unha gran caseta onde o Paxe real recolleu as cartas dos máis pequenos da casa. Un espazo que completaron o clásico carrusel e grandes figuras representando aos Reis Magos e ao tradicional moneco de neve. O eixo principal desta decoración foi o Camiño de Santiago e os seus símbolos: a vieira e as mouteiras.
Tamén participaron no exterior as asociacións de comerciantes de Vigo, que se aquendaron para ofrecer información sobre campañas para as compras do Nadal nos barrios de Vigo; ou a Dirección Xeral de Xuventude, con animación xuvenil e máis de voluntariado para os mozos vigueses.
Houbo casetas para garapiñadas e castañeiras tradicionais e un grupo de foodtrucks, entre os que participaron: Pescanova, Frutas Nieves, La Joaquina e La Pepita. Todas elas contribuiron a este Nadal Solidario doando parte da recadación ás ONGs.