O orzamento estimado da nova intervención impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ascende a máis de 1 millón de euros, incluíndose os 62.000 euros para o pago das expropiación das 17 parcelas necesarias para esta actuación. Nas vindeiras semanas está previsto o levantamento de actas previas para, a continuación, licitar as obras.
A intervención aprobada polo Executivo autonómico ten por obxecto mellorar a seguridade viaria nun tramo de 4,5 quilómetros, entre a intersección coas estradas da Matamá e Muíños e á entrada de San Miguel de Oia. Realizaranse unha serie de actuacións encamiñadas a reducir a posibilidade de aparición de sinistros nesta zona de carácter urbano e periurbano cunha elevada intensidade de tráfico.
As obras previstas comprenden a transformación da intersección coas estradas a Matamá e Muíños, situada no punto quilométrico 1+100 da marxe dereita, executando unha glorieta. Tamén se converterá noutra rotonda a intersección co camiño de Romeu, situada no punto quilométrico 1+780, que comunica coa PO-325.
As tarefas inclúen, así mesmo, a reordenación da intersección de baixada á Gándara, no punto quilométrico 2+100, na cal se restrinxirán os xiros, que se poderán realizar na nova glorieta do punto quilométrico 1+770 e na existente no 2+300.
Executarase, ademais, unha nova glorieta no punto quilométrico 3+060, que permitirá restrinxir o de entrada á rúa Manuel Lago no punto quilométrico 2+900; habilitarase un cambio de sentido no punto quilométrico 3.820 e construirase unha glorieta no punto quilométrico 5+100 para moderar a velocidade e facilitar os cambios de sentido en condicións de seguridade.
Así mesmo, intervirase en pequenos tramos de beirarrúas, complementarios á mellora das interseccións; reforzarase a sinalización dos pasos de peóns do tramo; limitarase o aparcamento nos 10 m anteriores para facilitar a súa percepción e melloraranse as paradas de autobús.
Máis actuacións de seguridade viaria
Esta intervención do Departamento de Infraestruturas da Xunta terá a súa continuidade ata a entrada de Baiona, desde o punto no que rematarán as tarefas entre a intersección coas estradas da Matamá e Muíños e na entrada de San Miguel de Oia. Trátase da supresión doutros dous tramos de concentración de accidentes ao seu paso polos concellos de Vigo e Nigrán, cuxos proxectos construtivos están en fase de supervisión tras superar o trámite de información pública.
As actuacións para reforzar a seguridade de veciños e usuarios que a miúdo empregan a estrada PO-552 realízanse de xeito coordinado co Plan de Sendas de Galicia. Deste xeito, unha parte do treito obxecto das obras aprobadas hoxe polo Executivo autonómico está no ámbito das tres sendas recentemente rematadas, que son as que van de Coruxo ás Roteas, a da Estea, en Vigo, e a de Priegue, xa en Nigrán.
Estas iniciativas están enmarcadas na estratexia do Goberno galego para ter eliminados en 2020 todos os tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas. Na área de Vigo, execútanse 12 obras para suprimir os 18 puntos negros, cun investimento de 5,5 millóns de euros aproximadamente.