Así mesmo, aludiu á reforma do palco da música de Bouzas. Esta última intervención queda condicionada á realización dunhas sondaxes arqueolóxicas , “pero xa pode iniciar tamén as obras”, subliñou.
López-Chaves, doutra banda, mostrouse contundente ao afirmar que o Goberno galego “non paraliza obras, senón que protexe o patrimonio cultural”. Negou así as acusacións manifestadas neste senso polo alcalde vigués asegurando que os proxectos remitidos polo Concello de Vigo seguen a tramitación ordinaria.
“O que se trata é de evitar un dano irreparable ao noso patrimonio”, aseverou, ao tempo que lamentou que a cidade de Vigo “desgraciadamente conta con claros exemplos da destrución ou desaparición de elementos arqueolóxicos ao longo dos anos”.
A este respecto, aclarou que as solicitudes de obras presentadas polo Concello pendentes de resolución seguen a tramitación ordinaria, están sendo estudadas polos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e serán atendidas en prazo. “Non teño claro se o que nos pide o alcalde é que nos saltemos a lei”, sinalou o delegado territorial con certa ironía, após defender a “necesaria e impecable” labor de supervisión e control por parte do departamento autonómico.
Así, recordou que a meirande parte das intervencións propostas polo goberno local son en contornas de especial protección, entre as que citou o xacemento romano do Areal, o arqueolóxico do Castro de Vigo ou o medieval do Casco Vello. “Temos que estar moi seguros das autorizacións que se fan nestas zonas para non esnaquizar a herdanza cultural”.
Xa para concluír, o delegado da Xunta en Vigo, recordou que fai 14 meses que se autorizou a intervención en Finca Solita e aínda non iniciou as obras, e outros nove desde o visto e prace ao parque infantil de Bouzas. “Non semella que teña présa con estas actuacións”, volveu a ironizar.