O delegado indicou que, unha vez que o goberno local “emendou as graves deficiencias que tiñan as escolas”, a Administración autonómica confirmou co informe dos técnicos que se pode autorizar a súa apertura e dar o Permiso de Inicio de Actividade (PIA).
López-Chaves asegurou que pasou un ano dende que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciase a apertura das dúas escolas “sen cumprir coa normativa” esixida pola Xunta, que é a encargada de vixiar que se cumpra a lei e os requisitos de seguridade establecidos para as escolas infantís de 0 a 3 anos. “Estas escolas que quería abrir o Concello non cumprían coa normativa e grazas á intervención da Xunta, os pais e nais teñen agora a garantía de que cumpren a normativa legal, as medidas de seguridade e que non presentan as graves deficiencias coas que o Concello quería abrir estas escolas hai xa un ano”, recordou.
Tras varios requirimentos feitos polos técnicos autonómicos, visitas de comprobación e, incluso, novas obras de adaptación en Mestres Goldar que tivo que contratar o Concello de Vigo o pasado 23 de decembro de 2015, os técnicos da Xunta confirmaron estes días a adaptación de todas as medidas de seguridade esixidas e necesarias para outorgar o PIA.