A responsable de Urbanismo do Goberno galego mantivo este martes en Vigo un encontro cos medios de comunicación, no que estivo acompañada pola secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e onde explicou que, tras o informe do Consultivo, a solución ven da man dun novo PXOM, polo que animou á administración local a axilizar todo ese proceso, de xeito que Vigo podería ter un plan xeral en 24 meses, tendo en conta os novos prazos da Lei do solo.
Esta é unha das conclusións do Goberno galego despois de analizar o informe do Consello Consultivo, órgano consultivo para todas as administracións, sobre a proposta do Concello de Vigo que solicitaba unha nova declaración de inviabilidade a través do «informe Parejo».
“A resolución do informe –feita pública a finais da semana pasada- é moi clara e aporta os fundamentos xurídicos necesarios para deixar claro que a vía que propón o Concello non é adecuada a dereito». Recordou que tanto o informe do Consultivo, como a sentenza do Tribunal Constitucional declaran que o vicio está no procedemento de elaboración do Plan, polo que se consideran radicalmente nulos, tanto os acordos aprobatorios como o Plan xeral no seu conxunto.
A conselleira de Medio Ambiente recordou que a xurisprudencia confirma que non é posible subsanar ou emendar un plan declarado nulo, porque desaparece do ordenamento xurídico; tal e como o Consultivo afirma ao sinalar no seu informe: “Non procede a mera retroacción do procedemento ao momento da infracción determinante da nulidade, conservando os restantes trámites do Plan”.
Nova normativa de avaliación ambiental
Mato Otero afirmou que a Consellería que dirixe está aberta a analizar e avaliar todas as alternativas posibles para axilizar o proceso, sempre que se garanta a máxima das seguridades lexislativas.
Matizou que “no caso de desoír todos os argumentos xurídicos” achegados polo Consultivo, esta advirte que á hora de subsanar os defectos atopados no Plan Xeral habería que seguir a normativa actual e non a que estaba vixente no momento da súa tramitación, é dicir “habería que aplicar a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental”. Unha normativa que non recolle a declaración de inviabilidade como excepción, tal e como reclama o informe do Concello de Vigo. «Os novos planes deben contar con avaliación ambiental», indicou.
Axilidade, responsabilidade e diálogo
A conselleira insistiu en que a Xunta apostou dende o primeiro momento por actuar con «axilidade, responsabilidade e diálogo». Afirmou que así llo trasladou ao alcalde de Vigo e aos responsables de Urbanismo no Concello, cos que se mantiveron encontros de traballo nos que se lles brindou toda a colaboración, asesoramento técnico posible e se lles facilitou toda a documentación solicitada; maila atoparnos ante unha materia esencialmente local.
Dende que se tivo coñecemento da sentenza do Tribunal Supremo “ofrecemos traballar xuntos, dentro das competencias de cada administración- para acadar un obxectivo común: que é dotar a Vigo do planeamento urbanístico que necesita, moderno, actualizado e plenamente válido e legal”.
Informes enviados
Mato Otero incidiu en que unha mostra do «compromiso e da preocupación» que a situación urbanística de Vigo ten para a Xunta de Galicia é o feito de que “neste momento non hai ningún informe pendente de emitir desde a Xunta de Galicia que condicione a redacción dun novo plan”.
Engade que entre a documentación solicitada, enviada nos meses de decembro e marzo, figuraba unha copia dixitalizada do Plan Urbanístico de 1993, así como documentación acercas das afeccións sectoriais, como de augas, infraestruturas, Patrimonio, protección da natureza, paisaxe, incidencia do Plan de Ordenación do Litoral e das Directrices de Ordenación do Territorio).
Un novo plan xeral «canto antes»
Destacou que a nova Lei do Solo recolle unha simplificación administrativa, ao crear un Informe único autonómico, que evita que os concellos deban solicitar os informes sectoriais por separado, xa que será unha tarefa da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, que deberán emitirse nun prazo máximo de tres meses. Dende ese momento, o silencio administrativo entenderase como positivo, o que permitirá aforrar un 75% do tempo na tramitación dos plans xerais.
Beatriz Mato recordou que outra das novidades que recolle a Lei é que lle outorga aos municipios de máis de 50.000 habitantes, como é o caso de Vigo, a competencia para a aprobación dos plans xerais, tras a emisión dun informe preceptivo e vinculante previo da Administración autonómica. Polo tanto, explicou, Vigo é competente para elaborar o plan e aprobalo.
Concello de Vigo
En resposta ás declaracións da conselleira, o Concello de Vigo sinalou nun comunicado que «a Xunta de Galicia está aplicando a máxima de tirar a pedra e esconder a man dicindo que non a un procedemento que podería servir para resolver o problema ocasionado pola anulación do PXOM por parte do Tribunal Supremo. Un problema que causou o goberno autonómico e que, agora, ante a posibilidade de resolvelo, di que non e que debemos facer un plan novo».
Dende o goberno de Vigo afirman que propoñen «vías para avanzar e aforrar tempo na resolución deste problema, causado pola Xunta, pero esta nin sequera lle pediu ao Consello Consultivo unha proposta para reparar o dano causado».
«A Xunta ponlle atrancos á cidade e quere que sigamos como se non tivera pasado nada. Eles son responsables da anulación do PXOM; a sentenza vai en contra da Xunta e non vemos ánimo ningún de cooperación», conclúe o Concello.