A apertura deste novo espazo contou coa presenza de tres conselleiros –o de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o do Medio Rural, José González, e o de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña- e da delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro. O espazo busca “canalizar a expresión solidaria dos cidadáns nestas datas”, segundo Porro, polo que o cerne desta iniciativa son as 24 ONGs e organizacións solidarias participantes coas que o Goberno galego busca fomentar a solidariedade. Un lugar no que vigueses e turistas poderán achegarse para aportar o seu grao de area, pero que é moito máis, xa que permitirá encher a cidade de Vigo de cultura e tradición.
Deste modo, a iniciativa ten como obxectivo traballar coa sociedade civil, con entidades solidarias, fomentar accións participativas de ambiente familiar e colaborar en positivo coa cidade cun nadal próximo, xeneroso e solidario, con máis dun cento de actividades ao longo de todo o día en horario de 12.00 ás 22.00 horas, estendéndose á medianoite os sábados e domingos.
As encargadas de estrear o escenario deste Nadal Solidario foron as rondallas de Valladares, Bembrive e Beade, que deron paso ao acto oficial de inauguració. Tamén participaron Igualarte, o coro de Mayeusis e a Coral Polifónica Allegro.
Este martes o Tinglado contará cunha programación completa xa a partir das 12.00 horas, cando se espera a presenza dos nenos e nenas do CEIP García Barbón, que participaran nos talleres infantís e familiares a cargo de Miudanza. Ás 12.30 horas, na caseta da Fundación Celta de Vigo, os xogadores de primeira división do club vigués Pione Sisto e Rafinha Alcántara firmaran autógrafos, e xa ás 19.00 horas será a quenda das actuacións cun concerto de ukeleles.
Nacemento da Catedral de Santiago
Un dos aspectos máis atraíntes no interior do Tinglado é a mostra do Belén da Catedral de Santiago de Compostela, que en 60 metros cadrados amosará preto de 500 pezas articuladas. Asemade, haberá tamén demostración de oficios tradicionais, concertos de coros infantís, jazz, teatro e danza.
O apartado da animación corresponderalle á Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e Asociacións de Corais Polifónicas, rondallas e agrupacións teatrais da cidade. Estarán presentes, alumnos da Escola de Arte Dramático, o coro infantil da Fundación Mayeusis, a Coral Casablanca ou os Bolechas, entre outros. Asemade, grupos locais e de jazz encargaranse de amenizar no horario ampliado ata as 00.00 horas as noites dos sábados e domingos.
Tamén haberá concertos en centros de persoas maiores e un gran concerto de campás que actuará simultaneamente en varias igrexas da cidade dende a Concatedral de Vigo, o 28 de decembro ás 13.00 horas.
Á decoración tradicional do Nadal se suman, no interior do Tinglado, nove casetas de madeira que contan actividades propias nas que participan a Autoridade Portuaria de Vigo, que dará a coñecer os seus ambiciosos proxectos medioambientais; a Consellería de Medio Ambiente, coa celebración de talleres infantís que ofrecen desde experimentos de “Ciencia Divertida” ata actividades de reciclaxe e concienciación medioambiental; a Consellería de Mar, con actividades informativas das súas campañas; a Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería do Medio Rural, que porán o foco de atención nos seus diferentes programas; Anfaco, que fará demostracións de conservas e organizará talleres informativos e ‘showcookings’; e as 24 ONGs que, en diferentes quendas durante as mañás e as tardes, terán a oportunidade de trasladar o seu proxecto solidario á cidadanía.
Terán así representación, APAM, Aspanaex, San Rafael, San Francisco, Igualarte, Down Vigo, Alento, Cáritas, o Comedor da Esperanza, as Misioneras do Silencio, AFAN, Ayuvi, Afaga, Asdegal, Red Madre, a Fundación Balms, Fundega, Discamino, Bicos de Papel, Asanog, Fundación Stop, Vida Digna, a Fundación Magar e a Asociación de Xordos de Vigo.
Así mesmo, a programación contará con xornadas especiais para os colexios, centros sociais de maiores e os nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro.
Poaboado de Nadal, Reis Magos e carrusel
Xa no exterior do Tinglado, na viguesa Praza da Estrela, hai disposto un poboado de Nadal e unha gran caseta onde o paxe real recollerá as cartas dos máis pequenos da casa. Un espazo que completan o clásico carrusel e grandes figuras representando aos Reis Magos e ao tradicional moneco de neve. O eixo principal desta decoración é o Camiño de Santiago e os seus símbolos: a vieira ou as mouteiras.
Tamén participan no exterior as asociacións de comerciantes de Vigo, que se aquendarán para ofrecer información sobre campañas para as compras do Nadal nos barrios de Vigo; ou a Dirección Xeral de Xuventude, con animación xuvenil e máis de voluntariado para os mozos vigueses.
Haberá casetas para garapiñadas ou castañeiras tradicionais e un grupo de ‘foodtrucks’, entre os que participan: Pescanova, Frutas Nieves, La Joaquina e La Pepita. Todas elas contribuirán a este Nadal Solidario doando parte da recadación ás ONGs.