A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará, dun lado, 5,7 millóns de euros para a contratación de 800 persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) en 192 concellos, tendo preferencia, ao igual que o pasado ano, aquelas persoas que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares.
No que atinxe á área territorial de Vigo, a orde para a contratación de perceptores da Risga permitiu destinar o ano pasado preto de 900.000 euros aos concellos de Mos, Redondela, Fornelos de Montes, Soutomaior, Pazos de Borbén, Salvaterra do Miño, Salceda de Caselas, Cangas, Baiona, Gondomar, Moaña, Nigrán, O Porriño e a Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo.
“Combinamos inserción laboral e política social cunha liña de axudas que completa ás prestacións da Risga e que teñen por obxecto atender as necesidades máis inmediatas das familias con menos recursos económicos”, sinala o delegado territorial, Ignacio López-Chaves, quen insta ao Concello de Vigo a presentarse en tempo e forma para evitar “volver a perder a axuda”.
Neste senso, recorda que a Xunta non puido atender a petición da cidade, con máis de 700 perceptores da Risga, e que tiña dereito a 40 contratacións xa que o Concello de Vigo “incumpriu as condicións da orde”. López-Chaves reitera que Vigo é a cidade de Galicia que máis tarda en tramitar as solicitudes da Risga disparando a media e pide ao goberno local “un compromiso real neste eido”.
Con independencia da duración do contrato, o período que financiará a Xunta con estes apoios, que van dirixidos a concellos e as agrupacións de concellos, será de sete meses. O prazo de solicitudes está aberto desde o pasado 15 de xaneiro e rematará o 12 de febreiro.
A contía que se conceda será a equivalente ao necesario para sufragar os custes salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente. Para a resolución das axudas terase en conta o número de desempregados e a evolución do paro rexistrado entre 2013 e 2017 de cada localidade, así como a evolución da poboación neste período e o número de perceptores da Risga a 31 de decembro deste ano.
Inserción laboral
Doutra banda, o goberno galego destina 1,3 millóns de euros para a inserción no mercado de traballo de 620 persoas sen emprego en 150 concellos e que realizarán obras ou servizos de interese xeral ou social.
Nesta convocatoria terán preferencia os servizos relacionados con Protección Civil e seguridade das persoas e bens, especialmente os proxectos que correspondan a servizos de salvamento e socorrismo. Neste caso, o prazo de solicitudes está aberto e rematará o 12 de febreiro.