A cita tuvo lugar na tarde deste luns, 23 de abril, no Comité Económico e Social das Nacións Unidas, na súa sede en Nova York. Durante a sesión, Movilla falou sobre a interdependencia entre os dereitos humanos e os da natureza, abordando cuestións de xustiza social.
“Poder participar nun evento na sede das Nacións Unidas é un soño feito realidade para alguén que coma min se dedica ao dereito internacional público. Foi unha satisfacción que contasen comigo e unha honra ter intervido neste diálogo, nun tema que ten tanta transcendencia ambiental, xurídica, social e económica”, explica no Diario da Universidade de Vigo a profesora axudante doutora da Área de Dereito Internacional Público, que imparte docencia tanto na Facultade de Dereito do campus de Ourense como na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo.
O diálogo celebrado na sede das Nacións Unidas comezou cunha sesión inaugural na que interviñeron Miroslav Laj?ák, presidente do 72º período de sesións da Asemblea Xeral das Nacións Unidas; os representantes permanentes nas Nacións Unidas de Ecuador, India e Bolivia; membros do Parlamento Europeo e representantes das organizacións Rights of Mother Earth Global Campaign e World Federation of UN Associations.
A investigadora do Grupo Medea Iuris interveu no primeiro dos dous segmentos técnicos que se celebraron trala inauguración e nos que as e os relatores convidados fixeron as súas exposicións para logo abrirse un diálogo interactivo cas e cos representantes dos estados, organismos internacionais e sociedade civil presentes na sala. O moderador do diálogo foi Craig Kauffmam, profesor de Ciencia Política da Universidade de Oregón, en Estados Unidos.
“A miña intervención centrouse en resaltar a interdependencia entre os dereitos humanos e os da natureza, abordando cuestións de xustiza social, xa que na maioría dos casos os máis vulnerables, como a poboación dos países en vías de desenvolvemento ou poboacións indíxenas, son os máis afectados pola degradación ambiental”, comenta Laura Movilla.
Durante a súa ponencia, a profesora tamén afondou na necesidade de consolidar ese cambio de paradigma alén do nivel estatal e chegar aos niveis rexional, global e transfronteirizo. “Tentei destacar as ferramentas que existen no dereito internacional do medio ambiente que poden resultar útiles para este fin e expuxen algúns indicios que indican que xa se están empezando a dar pasos neste camiño”, subliña.
Entre estes indicios de ámbito rexional a profesora apunta casos como a xurisprudencia recente neste sentido tanto da Corte Interamericana de Dereitos Humanos como da Corte Africana de Dereitos Humanos e dos Pobos.
A escala global pon a atención “no feito de que Harmonía coa Natureza sexa precisamente o tema do Plan Estratéxico para a Biodiversidade 2011-2020 no marco do Convenio sobre a Biodiversidade Biolóxica” e que o Acordo de París “fose o primeiro tratado climático que fixese referencia aos coñecementos indíxenas e locais como elementos que hai que ter en conta na adaptación ao cambio climático”. As conclusións deste diálogo serán recollidas nun próximo informe do secretario xeral das Nacións Unidas.
Cambio de paradigma
Sobre a cita celebrada este luns en Nova York, a investigadora, vicedecana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, salienta que “a idea subxacente a estes diálogos é a necesidade de pasar dun paradigma antropocéntrico a un ecocéntrico ou biocéntrico na nosa relación coa natureza”.
A chamada “xurisprudencia da terra”, engade, “recoñece así que o benestar da humanidade está intrinsecamente ligado ao da terra e que para que os dereitos humanos sexan protexidos tamén o debe ser o dereito da terra a un medio ambiente san”. Este enfoque, detalla, garantiría os dereitos das futuras xeracións.
Traballando con este obxectivo, estes diálogos das Nacións Unidas animan a un cambio na conciencia de vivir a expensas da natureza, a unha conciencia de vivir en harmonía con ela, promovendo a implementación da Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable baseado nestas premisas.
“En concreto, este oitavo diálogo centrouse en como eses marcos xurídicos e económicos están a ser aplicados na actualidade para promover patróns de produción e consumo en harmonía coa natureza”, sinala Laura Movilla.
Neste sentido, lembra a investigadora, a meta 12.8 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable acordados pola comunidade internacional en 2015 propón “de aquí a 2030 asegurar que as persoas de todo o mundo teñan a información e os coñecementos pertinentes para o desenvolvemento sustentable e os estilos de vida en harmonía coa natureza”.