Do total da oferta, 22 prazas de profesorado permanente correspóndenlle este ano á Universidade por taxa de reposición, ao que se engade este ano unha chamada taxa adicional, que contempla o 90% das prazas que estean dotadas orzamentariamente e leven ocupadas máis de tres anos consecutivamente, que no caso da institución viguesa suman 12.
Ademais, das 34 prazas que poden ser convocadas este 2017, tres deben, necesariamente ser reservadas para persoas que remataron o seu contrato Ramón y Cajal e das 31 restantes, 24, para prazas que estean neste intre ocupadas interinamente e as outras sete, para funcionarización, isto é para pasar de profesora ou profesor contratado doutor a profesora ou profesor titular.
Tal e como informa o Diario da Universidade de Vigo (Duvi), o reitor Salustiano Mato e a vicerreitora de Organización Académica e Profesorado, Ana Graña, foron os encargados de achegar os detalles dunha convocatoria que permite baleirar a bolsa de interinas e interinos, “unha prioridade”, segundo Mato.
“A proposta é que desas 34 prazas, tres se reserven para esas persoas que remataron o seu contrato Ramón y Cajal e das 31 restantes, 24 para prazas que están neste intre ocupadas interinamente, e as outras sete, ata 31, para funcionarización” explicou Graña, que lembrou que o numero de prazas de funcionario condiciona o de cátedras, que oscilará entre sete e 22.
“Con esta oferta péchase a bolsa de interinos e vai ser unha secuencia lóxica de todas as categorías que se poidan mellorar “, asegurou Mato, que destacou que a prioridade para a Universidade foron as persoas que tiñan o seu posto de traballo en perigo.
“Entendo os sacrificios que teñen que facer os colectivos que queren progresar” dixo o reitor, mentres que a vicerreitora Ana Graña destacou que este ano había unha oportunidade extraordinaria de acabar coa bolsa de interinos e aínda que “isto beneficia a curto prazo a estas persoas, abre o escenario de utilizar a futura taxa de reposición para funcionarización”.
Graña lembrou que mentres no cambie a norma non é posible funcionarizar a todos á vez, “pero en catro ou cinco anos deberían ir pasando todos, sen esquecer que neste intre as acreditacións a funcionario están paralizadas”, lembrou.