Abel Caballero apuntou tamén a aprobación do proxecto de ampliación e remodelación do parque infantil da Praza de Maruja Mallo, que ten un orzamento de 400.000 euros, e que contempla a reestruturación do conxunto do parque para transformalo nun «macroparque» para os máis pequenos. Así, van renovarse as acometidas de abastecemento e saneamento e a iluminación e crearanse tres zonas diferenciadas por idades: unha común, outra para maiores de cinco anos e outra para menores de cinco anos con elementos de xogo adaptados a cada etapa.
Amais, quedou adxudicada a contratación das obras de humanización da rúa Pazos, entre López Mora e Menéndez Pelayo que presenta un problema de regulación de rasante e que contempla a creación dunha zona de aparcamento e melloras no mobiliario urbano, no pavimento e nos servizos.
A Xunta de Goberno Local deu luz verde tamén á proposta de adxudicación, contratación do subministro de vehículos de carga e maquinaria destinado a realizar tarefas de reparación e mantemento das vías públicas cun orzamento de 871.000 euros.