No Enlaza Vigo, un programa especial dirixido a alumnado de secundaria de centros públicos e concertados da cidade, «seremos un clamor de xente nova en contra das violencias machistas», segundo avanzou o alcalde da cidade, Abel Caballero, que explicou que haberá actividades informativas, lúdicas e reivindicativas, con proxeccións, mesas informativas ou unha exposición colectiva no ámbito da igualdade e a prevención da violencia.
O rexedor destacou que o Enlaza Vigo do Concello recibiu o Premio de ‘Boas prácticas contra a violencia de xénero’ outorgado pola Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero.
Ademais, o alumnado dos centros educativos de secundaria creou lonas artísticas contra a violencia de xénero baixo o lema ‘Micromachismos. Como erradicalos’ que, dende hoxe e ata o 27 de novembro, conforman unha mostra que pode visitarse na zona peonil do Calvario. Na edición pasada participaron 25 centros educativos.