Marea de Vigo solicitará no pleno municipal que a Declaración Responsable que xa opera nas licenzas de actividade permita tamén a instalación de terrazas. «O sector da hostalaría na nosa cidade está en constante crecemento, precisa polo tanto de garantías tanto para as persoas que deciden crear un negocio como para o conxunto das traballadoras e traballadores que viven do sector, alén do feito de que, zonas antes degradadas coma o Casco Vello están revitalizándose grazas aos esforzos de moita xente», sinalou este martes Rubén Pérez, voceiro da Marea de Vigo.
«A situación debería xerar unha actitude ‘proactiva’ por parte da administración local, especialmente no tocante a resolver de xeito urxente as centos de solicitudes de licenza de apertura e actividade que se solicitan e que quedan nos despachos de urbanismo ou patrimonio sen resolver por motivos que teñen que ver máis coa falla de recursos humanos e vontade política que coa legalidade ou ilegalidade das licenzas», engade.
Marea de Vigo asegura que a situación é unha «carioca co rabo na boca», xa que un hostaleiro pode solicitar a licenza de actividade e só con isto e o pago das taxas abrir o negocio en base á normativa legal. «O problema é que para solicitar analogamente a licenza de ocupación da vía pública con terrazas precísase da resolución e obtención da licenza de actividade. Isto é absolutamente ridículo porque hoxe en día un negocio hostaleiro sen terraza está xeralmente abocado ao peche, non se pode entender a actividade hostaleira sen terrazas, especialmente no Casco Vello», subliña Rubén Pérez.
«O que non entendemos é como Vigo non adaptou aínda a súa ordenanza reguladora de terrazas á aprobación das normas anteriormente citadas para, mediante a súa modificación, introducir ou ben a vinculación administrativa da licenza de actividade/apertura coa de terrazas, ou ben que o réxime de Declaración Responsable tamén opere na ocupación de vía pública co propósito de axilizar ao máximo a implantación de actividades económicas no Concello Vigo», aclara Rubén Pérez, quen tamén considera que «se xa o Concello de Vigo tiña instaurado con carácter xeral o réxime da Declaración Responsable para o exercicio de calquera tipo de actividade, debería avanzar nesa liña nunha actividade complementaria como é a ocupación de vía pública con terrazas».
Taxa cero
Pola súa banda, Carlos López Font asegura que a taxa cero instaurada polo goberno de Abel Caballero foi un revulsivo económico para o sector hostaleiro da cidade. «»O Concello aplica desde 2013 a comunicación previa nas licenzas de actividade, pero as súas autorizacións o que teñen que garantir en zonas específicas de maior protección é o respecto á convivencia cidadá como o Casco Vello», sinalou o edil socialista.