A obra, na que colaboran o Concello e a Deputación de Pontevedra, non comezará alomenos ata finais de ano e incluso poderían quedar para 2018. Unha vez humanizado o vial, o organismo provincial cederá a titularidade deste tramo á administración local, polo que pasará a ser urbano.
Ademais, tamén está encarrilado o proxecto de urbanización previsto en San Roque, no coñecido como barrio de Ribadavia, que supón unha mellora e humanización desta zona que enlazará coas obras «aprobadas e en proceso de inicio» na rúa Colombia polo que o investimento total na contorna acada os 850.000 euros.
A Xerencia de Urbanismo aprobou o expediente e os pregos de contratación destas obras, que supoñerán un investimento de case 350.000 euros e que comprende a mellora da parte traseira do novo centro comercial que se constrúe na rúa Pizarro e a comunicación coa rúa Colombia.
Nesta rúa está prevista tamén a Fase I de humanización, entre a Praza Isabel A Católica e a rúa Couto Piñeiro, cun orzamento de case 500.000 euros e que inclúe a renovación do pavimento, o mantemento da rede de abastecemento, nova instalación da rede de rego e de saneamento, nova canalización de alumeado e renovación do mobiliario e ornamentación.