“En concreto, para este curso académico a dirección do centro reclamaba tres novas vacantes e a Consellería, tras o informe do funcionario da inspección educativa, non só non concedeu ningunha senón que eliminou outras tres adxudicando só 34 interinidades, cando en 2014 chegou a contar con 42”, sosteñen os empregados.
Esta decisión chega nun momento no que se incrementou considerablemente o número de alumnado matriculado nos primeiros cursos.
O claustro do centro atribúe estas decisións ao particular “asañamento” do inspector encargado desta área, no “acoso” aos cargos directivos e no “menoscabo” á autoridade do profesorado. Así mesmo, acúsano de aplicar a normativa dun instituto de Secundaria nun centro no que se imparten estudos superiores, equivalentes ao grao universitario coas particularidades que teñen estas ensinanzas.
A CIG-Ensino apoiará durante estes tres días de folga as diversas protestas, organizadas polo persoal da ESAD, para reclamar a adxudicación das vacantes solicitadas. Vigo acollerá a primeira concentración, que terá lugar o luns as 12.00 horas ante o edificio da Xunta en Vigo. O martes e o mércores as reivindicacións trasládanse ante a Xefatura Territorial de Pontevedra.