A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou este martes en Vigo que as obras de humanización da rúa Emilio Pardo Bazán, coñecida como a Estrada Provincial de Vigo, compren unha demanda histórica que a cidade tivo durante décadas “para converter esta vía tan relevante da cidade nunha rúa con toda a calidade urbana que necesitaba esta contorna”.
Carmela Silva participou xunto ao alcalde vigués, Abel Caballero, na inauguración desta esperada humanización, que permitiu, segundo a presidenta, dotar á rúa “de todas as características urbanas do século XXI e converterse nun referente en mobilidade, seguridade e recuperación de espazos públicos para a xente”.
Tanto Silva como o alcalde Abel Caballero lembraron “os moitos anos de reclamacións da cidade para unha das obras máis esperadas na cidade de Vigo, e que sempre tiveron do anterior goberno da Deputación unha resposta negativa”. Como apuntou a presidenta provincial, nesta mellora investiuse un total de 2,3 millóns de euros, dos que 1,8 foron achegados pola institución provincial e os 504.000 restantes o Concello, que realizou o proxecto e dirixiu as obras.
Máis polo miúdo, os traballos permitiron, como destacou Carmela Silva, a renovación da iluminación, saneamento e abastecemento nun proxecto cunha gran “calidade na estética urbana” e “dotada de servizos para que as veciñas e veciños de Vigo poidan desfrutar desta rúa tan importante”, cun importante censo de veciños e veciñas e cun intenso tráfico de vehículos e peóns. “Estamos satisfeitos e satisfeitas _engadiu_ de que as administracións públicas sirvan para mellorar a vida da xente e particularmente na cidade máis importante da provincia e na cidade máis importante de Galicia”.
Silva e Caballero, fixeron parada nalgún dos tramos da vía para visitar as actuacións realizadas, como a nova zona deportiva do parque Alameda Andrés Gao. “Esta rúa é agora un espazo moi humanizado e moi pensado para os peóns, onde se garante a accesibilidade e mobilidade”, insistiu a presidenta, que reiterou tamén que a Deputación manterá a súa aposta de investimento en Vigo: “Esta obra é unha proba clara do compromiso da nova Deputación con esta cidade _asegurou_. A Deputación pensa continuamente en Vigo, en todo o que Vigo necesita e que imos seguir investindo nesta cidade para mellorala e que siga sendo a gran cidade que é”.
Amais, Silva felicitou ao rexedor polos datos turísticos que confirman a Vigo como unha das grandes referencias de España, un dato coñecido en vésperas da celebración de Fitur. “E iso nos fai sentir moi ben_apuntou_, porque esta cidade ocupa cada vez máis espazo e iso nos vén moi ben ás viguesas e aos vigueses, pero tamén a toda a provincia e a Galicia, porque isto xera riqueza para todas e para todos”.
Pola súa banda, Abel Caballero insistiu en que esta obra “inmensa e colosal” tan relevante para a cidade foi posible co apoio da “nova Deputación”. “Isto é luz, é unha forma distinta de entender a cidade e a convivencia”, destacou. “Isto fíxose porque a presidenta da Deputación é Carmela Silva e é a primeira tenente de alcalde de Vigo, porque se non, non se faría”, sinalou ao lembrar que durante trece anos o Concello pediu a mellora desta vía, “que era unha calamidade e indigna para a xente”, pero antes do actual Goberno, a institución provincial “nin miraba para ela”. “Agora, en catro anos, xa está humanizada e financiada practicamente pola Deputación”, destacou.
Para o alcalde, a nova colaboración entre ambas administracións “é a forma de progresar: o Concello empurra, a Deputación pon recursos e empurra; Zona Franca pon recursos e empurra, o actual Goberno e España pon recursos e empurra… Isto vai (…) E a esta cidade xa non hai quen a pare”. Neste senso, referiuse ás 47 rúas do rural que se van urbanizar a través dun convenio xa asinado, co financiamento total da Deputación. “É un cambio histórico, afirmou porque, amais, a Deputación está dando a Vigo aquelo ao que ten dereito. Non queremos quitarlle nada a ninguén. E iso está pasando hoxe”.