Carmela Silva subliñou que se trataba doutro dos proxectos herdados do anterior goberno provincial de Rafael Louzán, mal feito, que contiña moito erros graves e que ademais fíxose mediante un convenio coa Consellería de Educación, asinado o día tres de xullo de 2015 “cando o señor Louzán xa sabía que a próxima presidenta da Deputación ía ser Carmela Silva”.
A presidenta provincial lamentou que este proxecto orixinal só contemplaba unha inversión de 142.083 euros e que ademais “como xa nos teñen acostumados, en todos os proxectos herdados da época de Louzán ao fronte da Deputación, non cumpría cos mínimos requisitos técnicos co cal se tivo que refacer o proxecto e ampliar a financiación”.
Precisamente a este extremo referiuse Silva ao destacar que ese convenio entre a Deputación e a Xunta só contemplaba unha inversión da Administración autonómica de catro mil euros para a redacción do proxecto e, o resto da obra, corría a cargo da Deputación. A presidenta tamén recriminou as dúas administracións gobernadas polo PP que non tiveran falado co concello de Vigo que neste intre “ten asumido a obra de conexión coa rede de saneamento municipal, que no proxecto inicial tampouco esta contemplado”.
Por elo, a presidenta felicitouse por ter conquerido co concello de Vigo un proxecto ben feito e digno para as novas instalacións “que cumpren con todos os requisitos técnicos e que garanten que os alumnos e alumnas do instituto e os propios veciños e veciñas de Beade contarán cunhas instalacións modernas e con todo os servizos necesarios”.
Pola súa parte, Abel Caballero lamentou tamén que teñan que ser o concello e a Deputación quen asuman as obras de acondicionamento e mellora do pavillón do IES de Beade cando se trata dunha competencia da Xunta de Galicia de quen dixo “ten castigada a esta cidade”. Agradeceu unha vez máis a receptividade da Presidenta da Deputación a todos aqueles proxectos que son necesarios para mellorar a vida dos vigueses e viguesas.
A actuación da obra supón o tratamento de 1.000,66 m2 de pista, a 6,36 m2 do aseo correspondente ao vestiario da arbitraxe, a 18,85 m2 nos vestiarios locais e 18,91 m2 nos vestiarios de visitantes, a 3,51 m2 de almacén, a 4,60 m2 do cuarto de instalacións e a 6,89 m2 de cuarto de instalacións. A nova pista terá un acabado en parqué industrial de madeira. Os vestiarios reformaranse por completo, incluíndo unha nova cuberta, e cambiando todas as instalacións sanitarias. Tamén se creará un novo aseo accesible. As obras estarán concluídas en dous meses e medio.