Baixo o lema de ‘Machismo institucional. Nin un minuto máis’, o acto xurde “en repulsa aos últimos insultos machistas” do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, e para reclamar o cesamento inmediato de “calquera comportamento relacionado coas violencias machistas e coas distintas formas de discriminación e violencia que sufrimos as mulleres”.
A protesta terá lugar este mércores as 20.00 horas no encontro da rúa Daniel de la Sota coa rúa Peregrina, na cidade de Pontevedra. Esta concentración, á que se convoca a toda a cidadanía, enmárcase “nas habituais convocatorias da Área de Igualdade da institución provincial, desde a chegada deste goberno á Deputación de Pontevedra”, como protesta e en resposta a cada comportamento machista e de ataque ás mulleres polo feito de selo.