O proxecto, que contempla un prazo de execución de dez meses, inclúe a remodelación de dous tramos: o que vai dende a intersección de Progreso e María Berdiales ata Velázquez Moreno e o que discorre entre Eduardo Iglesias e o Paseo de Granada.
Para levar a cabo esta actuación contémplanse a retirada do actual mobiliario urbano, luminarias e bordos, para proceder coa demolición de pavimentación, tanto na zona rodada como peonil das beirarrúas. A continuación, está prevista a escavación en gabias para situar conducións de saneamentos fecais e pluviais, así como abastecementos e canalización de instalacións, e posterior recheo das gabias con material inerte.
Así mesmo, na zona peonil da terraza, situada entre as rúas Pracer e Blein Budiño, proxéctase a creación de graderíos configurados por muretes de cantería e pavimentos de acabado a base de pezas granítica. Pola súa banda, tamén se efectuará a cimentación necesaria para a xeración de pérgolas de estrutura metálica e nova montaxe do elemento escultórico da praza. Finalmente procederase coa instalación de iluminación pública, mobiliario e renovación das redes das instalacións.
A velocidade máxima en toda a estrada será de 20 quilómetros por hora, xa que a calzada será semi-peonil con preferencia para os peóns. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, incluso pediu aos técnicos municipais que estuden se é posible baixalo ata os 10 qm/h.
Ademais, só os residentes terán acceso en coche á rúa María Auxiliadora, que será peonalizada cunha estética similar á que xa se ve entre Eduardo Iglesias e Velázquez Moreno, en paralelo ao mercado.
Asfaltados
A Deputación de Pontevedra tamén aprobou destinar un millón de euros para substituír o firme en varias rúas da cidade. Está previsto actuar nas parroquias de Alcabre, Beade, Castrelos, Cabral, Candeán, Coruxo, Lavadores, Matamá, San Miguel de Oia, Sárdoma, Valadares, Teis e Zamáns.
As actuacións contemplan de forma xeral a renovación do asfalto co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e peonil, así como a mellora dos enlaces cos viarios adxacentes, a adaptación dos rexistros á cota final do pavimento e a reposición da sinalización horizontal.