A Presidencia da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo vén de recomendar que se declare admisible e que se pida á Comisión Europea información sobre a actuación de reforma da Gran Vía de Vigo. A decisión chega despois da denuncia do grupo municipal da Marea pola tala de árbores. «De non opoñerse os deputados e deputadas da comisión de peticións o trámite seguiría o seu curso no europarlamento», apuntan desde a Marea.
Marea de Vigo trasladou o pasado mes de setembro ao grupo confederal da Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), a través da eurodeputada Sira Rego, preguntas para a Comisión Europea e escritos á Comisión de Peticións cuestionando o uso dos fondos DUSI sobre a xustificación da financiación con fondos europeos dos proxectos coma o túnel da Porta do Sol ou a reforma da Gran Vía pola tala de árbores para a instalación de ramplas mecánicas no bulevard.
O grupo municipal da Marea cuestionaba a utilización destes fondos europeos, enmarcados dentro das Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integradas (DUSI), cofinanciadas en un 80% polo Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020 para o uso que se lle deu no Concello de Vigo.
«Alertamos de que dentro da estratexia para a implementación destes fondos europeos, e tal e como reflicten as bases do proxecto, a participación cidadá e dos axentes sociais debía estar presente no proceso de redacción dos proxectos, no seu seguimento e mesmo na avaliación do cumprimento dos obxectivos marcados, algo inexistente actualmente», apunta a Marea nun comunicado feito público este luns.
Asegura o grupo municipal que o proxecto contempla «a tala masiva de árbores de gran porte con máis de 70 anos (13 tilos y 41 castaños de Indias) e o traslado e posterior replantación de 29 laranxeiras e 45 camelios, que forman parte da Gran Vía e a súa contorna dende hai máis de 40 anos». O proxecto inclúe un informe dun perito agrónomo que recomenda a tala total dos 13 tilos e 41 castaños por atoparse «enfermos», pero añade que non da «máis explicacións nin avaliación de posibles tratamentos fitosanitarios alternativos que poidan evitar a tala».
Agora, a Presidencia da Comisión de Peticións vén de recomendar que se declare admisible e que se pida á comisión europea información sobre a actuación de Gran Vía. «De non opoñerse os deputados e deputadas da comisión de peticións o trámite seguiría o seu curso no Europarlamento», conclúe a Marea.