«Tiven que quedar ás portas do parque na visita institucional porque o xerente e a empresa privada que xestiona o servizo, Matinsa, prohibiron dita visita. Que teñen que ocultar?», asegurou Xosé Lois Jácome tras ser rexeitada a súa entrada nas instalacións que o parque provincial de Bombeiros ten na localidade de Ribadumia.
Jácome, acompañado por dous membros do comité de empresa, acudiu este luns á base dos bombeiros ante as denuncias sindicais dos incumprimentos por parte da empresa concesionaria. Despois de impedir a súa entrada, o deputado fixo pública a súa denuncia.
«Matinsa, a empresa que cobra dos cartos de todas e todos, que cobra directamente da Deputación de Pontevedra nega a entrada a un deputado provincial», explica nun vídeo gravado xunto ao comité de empresa.
«Imos a instar ao gobierno provincial a que aclare esta situación e xa avanzamos que non nos interesa unha visita con representantes da empresa, queremos unha visita cos traballadores para que nos informen da auténtica situación na que se atopa este parque, non queremos historias de unicornios de cores nin de que todo está ben, queremos estar cos traballadores», conclúe Jácome.