O curso pasado formáronse 65 parellas, a maior parte para practicar inglés-español pero tamén alemán ou francés… e a previsión é que este curso se repitan cifran similares ou lixeiramente superiores. En pleno período de inscrición no programa, a intención é que en apenas un par de semanas comecen a reunirse as primeiras parellas inscritas.
Paula Gil, integrante da xunta directiva de ESN Vigo, encárgase de coordinar esta actividade. “É unha das cousas que máis me gusta organizar porque sei que os estudantes o aproveitan moito, tanto os que son de aquí como os que veñen de fóra”, explica a estudante, ao tempo que fai fincapé en que é “un xeito moi ameno de aprender idiomas que non ten nada que ver con como se aprenden nunha clase”.
Ademais das charlas en parella de cada un dos tándems, desde ESN tamén organizan periodicamente reunións informais por grupos de idiomas. “Normalmente son pola tarde ou tarde noite para facilitar a asistencia de cantos máis participantes mellor”, explica a coordinadora dos tándem, que apunta que as conversas organízanse por mesas, “unha mesa un idioma de conversa. É algo moi entretido, porque podes falar de temas cotiás noutro idioma na túa propia cidade”, recalca a estudante.
Por idiomas a opción máis solicitada sempre é o inglés, seguido do francés e o alemán. “Por parte de estudantes da Universidade de Vigo había máis peticións para participar nos tándem pero non puidemos facernos cargo porque non había suficientes estudantes internacionais anotados”, explica Cid, ao que engade que “a nivel local chégannos moitísimas peticións para participar no programa, non só de alumnado senón tamén de docentes, pero como os estudantes foráneos son máis limitados que os de aquí é difícil que poidamos acoller todas as solicitudes locais”.
Nestes momentos están distribuíndo a información entre os estudantes e a idea é ter xa as primeiras parellas feitas para mediados de mes. “Cada parella funciona de xeito independente, hai as que quedan varias veces á semana, outros só unha, depende un pouco tamén das datas, de si coincide con exames ou non… ademais, a parte da comunicación oral tamén se relacionan moito de xeito informal a través de correo electrónico e WhatsApp…”, explica a coordinadora.
Como curiosidade Cid indica como destas parellas xurdiron xa varias amizades que logo perduran moito máis aló do programa. “Lembro, por exemplo, o caso dunha rapaza polaca que coñeceu polo tándem a unha estudante de Tradución e Interpretación aquí en Vigo e que ao final fixéronse moi amigas, compartiron viaxes, etcétera. É un exemplo, pero habería moitos outros que demostran que os tándems lingüísticos son moi boa experiencia”, recalca a estudante.