Carmela Silva lembrou que estes datos veñen corroborar as boas cifras acadadas xa no pasado mes de xullo, cando houbo un 82% de ocupación hoteleira, tamén once puntos por enriba das estimacións. Precisamente estes días a Enquisa de Ocupación Hoteleira do INE referida a xullo viña confirmar que as Rías Baixas son un dos destinos con máis tirón de España, converténdose na quinta área turística do Estado, medrando nun 15% e recibindo só nun mes a máis de 205.000 visitantes.
A presidenta sinalou ademais as “cifras espectaculares” acadadas nos establecementos de turismo rural, que tiveron unha ocupación de algo máis do 84%, trece puntos por enriba das estimacións que falaban do 71%. Trátase dun dato moi relevante ao igual que xa o fora no pasado mes de xullo, cando a ocupación fora do 60%.
Por comarcas, no Salnés a ocupación hoteleira en agosto foi de máis do 88%, tres puntos por enriba das estimacións que eran do 85%. A presidenta destacou a ocupación do 92% en Sanxenxo e do 87,3% no Grove, dous dos puntos que máis visitantes reciben nas Rías Baixas.
A ocupación hoteleira na comarca de Pontevedra en agosto foi do 80%, cinco puntos por enriba das previsións que eran do 75%. A cidade de Pontevedra rexistrou unha ocupación media do 80%, continuando así o auxe alcista de xullo, cando xa se contabilizaron os mellores índices da última década.
A comarca de Vigo tivo unha ocupación media en agosto do 88%, tres puntos máis fronte ás estimacións que eran do 85%. A presidenta da Deputación salientou o caso da cidade de Vigo, onde se rexistrou unha ocupación do 90%, chegando a alcanzar o 100% na fin de semana do Festival do Marisquiño tanto en Vigo cidade coma nos concellos da contorna. Silva recordou que tamén os datos do INE de xullo falaban xa de Vigo como o punto de Galicia onde máis medra a demanda hoteleira, cun 30% máis de viaxeiros que en xullo de 2015.
A comarca de Caldas superou en 45 puntos as estimacións de Turismo Rías Baixas, chegando ao 100% de ocupación, cando as previsións só falaban do 55%. A comarca do Morrazo acadou un 90% de ocupación en agosto, similar ás estimacións previstas. O Baixo Miño chegou ao 89% de ocupación, dous puntos por enriba do 87% previsto. O Condado-A Paradanta obtivo unha ocupación do 85%, cinco puntos mellor que a cifra prevista. A presidenta tamén destacou os datos acadados na comarca do Deza-Tabeirós, onde a ocupación media en agosto estivo no 94%, vinte e nove puntos por encima das previsións de Turismo Rías Baixas que eran do 65%.
Os datos de visitantes nas oficinas de turismo da provincia de Pontevedra tamén veñen ratificar o gran volume de persoas que chegaron en agosto, xa que, á falta do reconto definitivo e pendentes de actualizar datos debido á enorme carga de traballo, poderemos falar de máis de 75.000 persoas atendidas.
Carmela Silva asegurou que, dende Turismo Rías Baixas, á vista das excelentes cifras de xullo e agosto,agárdase tamén un bo mes de setembro, cunha ocupación media de entre o 56 e o 60%. “Os datos deste ano veñen confirmar que temos que seguir mantendo unha aposta firme polo turismo na nosa provincia porque é un elemento fundamental de crecemento económico. Pero temos moi claro que non só somos costa, senón que nós tamén somos cultura, gastronomía, patrimonio ou paisaxe”.
Entre os factores que están provocando esta gran afluencia deste verán á provincia de Pontevedra, a Presidenta lembrou a boa climatoloxía deste ano, as novas rutas aéreas de Peinador (que están facendo que sexa o aeroporto galego que máis medra en número de pasaxeiros), a coxuntura internacional que atrae a máis turistas para España e os formatos novidosos das campañas de promoción de Turismo Rías Baixas, entre as que están os Festivais Rías Baixas, “Cociñando no fin do mundo” ou “62 razóns para visitar os nosos concellos”.