Abel Caballero avanzou este martes que o próximo día 1 de decembro se constituirá o plenario da Área Metropolitana que, a súa vez, elexirá presidente ou presidenta. A continuación, detallou o rexedor, constituirase a Xunta de Goberno -formada polos 14 alcaldes- ademais de nomear ao persoal técnico pertinente. A partir dese momento, darase luz verde á primeira decisión preacordada: a integración na área de todos os concellos que xa o solicitaron.
Deste xeito, subliñou Caballero, este territorio entra nunha nova fase, «con gran cohesión social e integración económica que debe levar aparellado un novo ámbito político que estea á altura». Respecto da financiación, reiterou a súa vontade de reclamar achegas á Xunta e ao Goberno Central que deben apoiar unha agrupación de concellos que redundará na prestación de mellores servizos cun menor custo.