Con esta iniciativa o Goberno provincial de Carmela Silva sumouse a esta celebración que a ONU realiza desde 2014, que se enmarca, amais, nos eixos relacionados co desenvolvemento sustentable e a aposta pola transición ecolóxica.
Así, o deputado Carlos Font destacou na súa benvida ás e os participantes que a xornada tenta “promover a urbanización sostible e inclusiva en todo o mundo”. Font, que estivo acompañado polo deputado Gorka Gómez e a deputada Ana Laura Iglesias, lembrou que máis da metade da poboación mundial vive nas cidades e se espera que para 2050 a porcentaxe chegue ao 68% e amosou a súa satisfacción pola implicación das mozas e mozos participantes nesta iniciativa de sensibilización para acadar un futuro máis sostible. Este ano, a celebración deste Día Mundial das Cidades está dirixida a aumentar tamén a conciencia sobre como se poden utilizar as innovacións dixitais para mellorar a calidade de vida e a contorna urbana.
Na camiñada, que foi respectada pola chuvia, participaron estudantes dos centros Possumus, Altamar e Pintor Laxeiro, así como usuarias e usuarios da asociación Down Vigo, que fixeron un percorrido circular guiado polos lugares máis representativos da cidade viguesa como o centro ou o Casco Vello, para coñecer a súa historia e a evolución. A andaina realizouse de forma simultánea á organizada na cidade de Pontevedra, na que participaron un cento de persoas, e que contou coa presenza das deputadas provinciais Iria Lamas e Noemí Outeda.