O procedemento empregado foi o da avaliación ambiental estratéxica simplificada, que incorpora a nova Lei do solo de Galicia para este tipo de plans. Nesta tramitación, a Xunta estudou «en profundidade» todos os factores que puideran ter algunha repercusión sobre o medio ambiente. Así, a resolución establece que “non cabe esperar que se produzan efectos ambientais significativos da modificación puntual”. Non obstante, establece unha serie de determinacións en relación ao ciclo hídrico, ao patrimonio cultural e á afección á atmosfera que se deberá incorporar no planeamento que se aprobe finalmente.
Segundo informou este xoves a Xunta, inclúense determinacións para que previamente á execución das edificacións previstas, deberase «garantir o abastecemento e saneamento de augas residuais, así como a xestión das augas pluviais conforme a criterios de sustentabilidade e á planificación hidrolóxica, contemplando a súa ampliación no caso de ser insuficientes». O informe tamén indica ao respecto das medidas propostas en relación aos bens patrimoniais presentes no ámbito que «deberá atender ás consideracións da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural» e «deberase establecer a zonificación acústica das etapas afectadas pola modificación, garantindo, en todo caso, o cumprimento dos obxectivos de calidade acústica».
A comunicación por parte do concello do inicio da tramitación da modificación puntual, para iniciar o procedemento de avaliación ambiental, foi recibida na Xunta o pasado 14 de xullo «e só catro días despois xa se iniciou o proceso de consulta pública», engade. Cumprida a avaliación ambiental estratéxica, agora «corresponde ao Concello de Vigo continuar a tramitación desta modificación puntual do plan parcial» conforme ao procedemento que establece a Lei 2/2016 da Lei do solo de Galicia.