O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres da aprobación en Xunta de Goberno Local das obras que rematarán a humanización da contorna de rúa Rosalía de Castro e a avenida García Barbón.
Segundo explicou o rexedor, o Concello deu o visto e prace a unha actuación que ten un investimento de 487.000 euros e un prazo de execución de sete meses. «Con esta obra completamos a humanización de toda a zona», sinalou Caballero antes de facer referencia a inauguración o pasado mes de maio da reforma da rúa Canceleiro.
Ademais, o alcalde tamén sinalou que a Xunta de Goberno aprobou igualmente a humanización da rúa Pazo, entre López Mora e Menéndez Pelayo, por un importe de 136.000 euros e cun prazo de catro meses.