Esta xuntanza tivo como obxectivo consolidar e impulsar as relacións comerciais entre Galicia e China. Neste sentido, identificáronse catro ámbitos de colaboración que permitan o impulso do comercio galego con China a través dos produtos lácteos; cárnicos; pescados e mariscos; e do sector vitivinícola.
O encontro prodúcese despois da misión comercial que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encabezou ao país asiático en xuño do ano pasado para presentar a calidade dos produtos galegos e para seguir fortalecendo as relacións comerciais co obxectivo de seguir incrementando as exportacións en Galicia. De feito, un dos retos principais do Goberno galego é mellorar a competitividade do tecido produtivo a través da súa internacionalización.
Con esta visita preténdese dar a coñecer como a industria agroalimentaria galega e chinesa poden continuar a súa expansión internacional e como Albo está consolidando o seu investimento en Galicia.
Neste contexto de impulsar as alianzas comerciais entre Galicia e China, a Xunta e a multinacional Bright Food, que xestiona máis de 125 marcas vinculadas coa alimentación e outros sectores como os servizos e turismo, acordaron colaborar nunha acción conxunta para que unha delegación de empresas galegas participe na International Import Expo Road Show, unha feira multisectorial que se celebrará en Shanghai do 5 ao 10 de novembro.
A delegación empresarial china, ademais do encontro mantido co titular de Economía, visitou o centro de negocios da Zona Franca en Porto do Molle, en Nigrán, no que estivo acompañada pola delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa.