Os convocantes –diferentes asociacións en pro dunha vivenda digna- denuncian o “abuso” dos prezos do alugueiro, a súa subida e as dificultades medrantes para chegar a fin de mes. “A vivenda non é unha mercadoría, é un dereito co que non terían que poder especular. Hai miles e miles de pisos baleiros nas nosas cidades, polo contrario hai miles e miles de persoas e familias sen lugar onde vivir”, advirten.
Por iso, chaman a saír á rúa para denunciar “o negocio que as industrias inmobiliaria e turística fan cos nosos fogares”. “Mentres o goberno español agasallou á banca máis de 60.000 millóns de euros dos nosos petos, esta non fixo outra cousa que botar da súa casa a persoas sen dar ningunha alternativa habitacional. Os propietarios físicos e xurídicos de vivendas en alugueiro, cos fondos voitres e SOCIMI á cabeza, gozan de medidas de evasión fiscal no seu favor desde hai décadas para non pagar impostos mentres as inquilinas soportan presión fiscal de até máis do 30%”, sinalan.
Entre as súas peticións atópase unha substitución da Ley de Arrendamentos Urbanos (LAU) por unha nova lei que lexisle os alugueiros sociais no mercado libre con vantaxes fiscais vixiadas polo Estado e cidades.
Ademais, malia que o novo decreto introduce medidas en cuestión de alugueiro, consideran que son aínda “insuficientes” e esixen novas decisións políticas e fiscais para adecuar os alugueiros á renda dispoñible do fogar. Igualmente, reclaman que os contratos non poidan rematar de forma “inxustificada e unilateralmente”. “Teñen que renovarse automaticamente a non ser que o propietario demostre que precisa a vivenda para o seu uso persoal ou dun familiar”, sosteñen.
Do mesmo xeito, reivindican a expulsión dos fondos voitres, eliminar as SOCIMIs, crear un parque público de vivenda, gravar fiscalmente as vivendas urbanas baleiras, aumentar a vivenda social ou frear o aumento dos pisos turísticos.