A CIG chamou este luns a participar na manifestación comarcal deste mércores 30 dende Vía Norte ás 20:00 horas para reclamar un xiro radical nas políticas económicas e laborais do Goberno central e da Xunta.
Alberto Gonçalves sinalou que nos meses de agosto, setemobro e outubro só na cidade de Vigo destruíronse 1.600 empregos en relación ao trimestre anterior, dado que a poboación ocupada retrocedeu de 127.400 persoas a 125.800. Ademais, denunciou que a destrución de emprego foi máis acusada entre as mulleres.
As cifras de ocupación constatan que na actualidade hai 7.100 empregos menos na cidade dos existentes no terceiro trimestre de 2009 (125.800 fronte a 132.900). Destes, 4.600 pertencían ao ámbito industrial. Na construción rexistrouse un incremento do emprego (+900 persoas ocupadas) no último trimestre, pero continúa significativamente por baixo do nivel de 2009.
No sector servizos é onde se produce a maior destrución de emprego en relación ao segundo trimestre (-2.500 persoas ocupadas), «un dato especialmente grave tendo en conta que nestes tres meses compútanse o groso do período estival, onde a actividade terciaria é predominante».
A agricultura e pesca, a vendima e as actividades extractivas rexistraron un pequeno incremento de 200 empregos en relación ao trimestre anterior, «mais o nivel de ocupación fica estancado nos mesmos parámetros de hai unha década». Gonçalves tamén subliñou o feito de que no último trimestre continúase a destruír emprego público (-400 persoas ocupadas). Na actualidade no sector público hai 2900 postos de traballo menos que en 2009.
A evolución da poboación parada atópase practicamente estancada. Aumentou en 200 persoas en relación ao trimestre anterior, manténdose por enriba dos 23 mil parados xa rexistrados en 2018. «Polo tanto, o descenso de 1.000 parados comparando cos datos de 2009 non se corresponde, tal e como demostran as cifras de ocupación, con creación de emprego, senón que se deben a persoas que pasaron a situación de inactividade e á emigración».
A grave situación en termos de ocupación, especialmente no sector industrial e nos servizos públicos, a EPA constata que se mantén a tendencia de precarización do emprego existente. É especialmente preocupante que o número de postos de traballo con contratación indefinida continúen a retroceder (3.400 menos no último trimestre, e 6.100 menos que en 2009), ao tem que aumentan os empregos temporais (+1.000 no último trimestre, e 1.800 máis dos existentes en 2009).
Por outra banda, o secretario comarcal da CIG de Vigo criticou que o alcalde de Vigo non atendese a petición cursada pola central para intervir no pleno municipal que se celebrará o mesmo mércores 30 pola mañá. Gonçalves, en nome da Unión Comarcal, solicitara poder tomar a palabra durante a sesión para alertar desta situación de grave crise e demandar solucións eficaces e inmediatas. O que si se convocou, a petición da CIG, foi o Consello Económico e Social da cidade.