Desde o comité de empresa aseguran que non se poden exixir máis sacrificios ao persoal tras oito anos de conxelación salarial, demora no pagamento de nóminas e falta de pago de salarios (a día de hoxe dúas pagas extra e máis a nómina de xullo), alén da aplicación de EREs -o último dos cales lograron reverter de 150 a 34 despidos-.
É por iso que, dada a imposibilidade da empresa por facer fronte ás débedas, apelan aos compromisos adquiridos polo goberno autonómico para mediar e procurar saídas co obxectivo de lograr o mantemento da actividade.
“A pelota está no tellado da Xunta, que polo momento non está facendo nada”, declara Xulio Vicente, da CIG-Construción, que esixe o cumprimento do acordo parlamentar tomado en outubro de 2017 para procurar saídas á situación, que poderían pasar por activar os mecanismos para atopar novos investidores ou renegociar as débedas coas entidades bancarias.
Amosou, ademais, a súa perplexidade pola falta de información sobre o estado calamitoso da empresa referida polo director do IGAPE, quen indicou que retomará os contactos coa dirección.
Moral alta tras tres días de folga
A pesar de todas estas dificultades, o persoal continúa coa “moral alta” nun terceiro día de folga indefinida que está a obter un seguimento total. Hoxe, coincidindo coa xuntanza co Igape, concentrábanse diante da delegación da Xunta ao berro de “Juán Ramón, pufeiro, paga ao obreiro” e “Maderas Iglesias, solución”.
Na factoría traballan 200 persoas, na súa maioría mulleres, nunha actividade estratéxica para Galiza e cun grande peso na economía da comarca. “A Xunta ten que tomar cartas no asunto, porque este país non atura máis destrución de emprego”, declaran desde a FCM-CIG.
Nova concentración no cuarto día de folga
O persoal de Maderas Iglesias concentrarase diante do Concello do Porriño este venres 31 de agosto ás 12 horas coincidindo coa cuarta xornada de folga indefinida. Apelan a toda a veciñanza e representantes públicos/as dos concellos da bisbarra a que “acudan masivamente” a respaldar o futuro dos postos de traballo e demandar a implicación efectiva da administración autonómica.