Trátase do segundo día de protestas, despois do que tivo lugar o pasado 4 de outubro na Coruña, coas que se quere rexeitar a aplicación que fai o banco do ERE en marcha, porque está a chamar a persoas que non quere deixar a empresa de xeito voluntario, cando hai moita xente que está disposta a irse pero aínda non recibiu resposta da dirección.
«O 90% destas persoas ás que o banco está a presionar para que se acollan ao ERE teñen redución de xornada ou outras medidas de conciliación, polo que queda claro que nesta empresa non se pode conciliar; se pretendes acollerte a medidas deste tipo non te queren no banco, por iso están a expulsar a esta xente», explica a secretaria da sección sindical da CIG no Santander, Rosa María Conde.
A representante sindical denuncia que están a presionar a mulleres menores de 40 anos que teñen unha antigüidade media na empresa de 10 anos para que se vaian. «Persoas que sacrificaron a súa vida persoal e familiar en beneficio do banco agora a dirección decide prescindir delas por motivos económicos, xa que saen máis baratas á hora de aplicar o ERE», critica.
Diante desta «virulenta purga laboral», a CIG xa se dirixiu ao banco para que cesen de inmediato estas prácticas e os “ataques” aos colectivos vulnerables e presentou denuncia na Inspección de Traballo por discriminación. Xunto a isto, iniciou mobilizacións para denunciar publicamente “a realidade laboral no Santander”.
Finalmente, dende a central lembran que ao remate da aplicación deste ERE (o segundo dende que o Santander adquiriu polo simbólico prezo de 1 euro o antigo Grupo Popular e o cuarto en seis anos) estarán na rúa máis de 4.300 traballadores, o que supón case un 60% do total do persoal herdado do Popular.