A manifestación na cidade olívica saiu ás 12:00 horas desde a empresa Unísono, en Gran Vía, e percorreu a zona centro até as instalacións de Bosch, en María Berdiales, onde a responsáble nacional do sector, Laura Pérez, deu lectura a un discurso onde enumerou as razóns da folga e agradeceu a participación ás e aos asistentes, lembrando que a folga continúa.
Segundo informa a CIG, a negociación do Convenio Colectivo Estatal de Contact Center (centros de chamadas) está bloqueada. «O convenio venceu en decembro de 2014 e despois de 15 meses dende o inicio da negociación non houbo un só avance. Polo momento, o sindicalismo centralista, que defende o actual marco estatal de negociación, continúa sen mobilizarse. Mentres a situación que viven as teleoperadoras e teleoperadores continúa empeorando», apunta o sindicato.