As tres organizacións sindicais lembran que levan preto de cinco meses solicitando medidas para que o persoal de montaxe teña mellores condicións nos postos de traballo, sen que ata o momento a dirección teña adoptado ningún tipo de solución. E así llo volveron lembrar na reunión extraordinaria mantida este luns co director do centro, que apelou ao «diálogo» e á «reflexión».
Neste senso, a representación de CIG, CCOO e UGT defende tamén a reflexión e o diálogo pero critica a esterilidade destes encontros “xa que a dirección segue sen querer abordar a creación de postos, a redución das cargas de traballo, a recuperación de operacións externalizadas, a falla dun mapa de postos esixentes fisicamente ou a ausencia dunhas rotacións que sirvan para evitar lesións”.
De feito, critican que fora necesario ter enriba da mesa unha convocatoria de folga “para que a dirección recoñecera publicamente que hai sobrecarga de traballo na liña 2”. Por iso, reiteran a súa disposición ao diálogo, mais insisten en que non van desconvocar o paro “porque non nos podemos fiar das boas palabras de quen leva catro meses demorando a posta en marcha de medidas urxentes para mellorar as condicións laborais”. “Queremos feitos e querémolos xa”, engaden.
A este respecto, urxiron á dirección a buscar solucións inmediatas “se non queren atoparse con outra convocatoria de folga para a semana que vén”.