“Non é un ERTE, é unha estafa”, “Despidos para os directivos” e “Este ERTE ímolo parar” foron as consignas que máis se escoitaron durante as concorridas concentracións que se desenvolveron diante dos centros de traballo de Bosch na avenida de Madrid, primeiro, e na rúa María Berdiales, a continuación.
A presidenta do comité de empresa, Laura Pérez Figueroa, da CIG, expresou a satisfacción da representación sindical polo elevado seguimento que rexistra a folga convocada contra o ERE que Bosch está a aplicar dende o mes de febreiro.
Ademais, un nutrido grupo de empregados e delegados sindicais do sector dos centros de chamadas aproveitou a xornada para desenvolver protestas diante das instalacións da compañía, onde despregaron unha faixa e berraron consignas contra o ERE temporal que afecta a 540 persoas e que vén derivado dos recortes implantados en Vodafone, unha das firmas que contratan os servizos de atención ao cliente que proporciona Bosch.