Durante estes dous últimos días, os traballadores participaron nas asembleas informativas convocadas para explicar o contido da xuntanza que o luns mantivo o comité de folga cos directores xerais de Función Pública e Xustiza e que rematou sen acordo. As protestas dan este xoves un paso máis cunha manifestación que percorrerá as rúas de Vigo a partir das 12.00 horas.
Trátase dunha marcha enmarcada dentro das mobilizacións programadas nas principais cidades galegas, que partirá da rúa Lepanto e percorrerá o centro da cidade ata o edificio administrativo da Xunta de Galicia en hora punta.
A última xuntanza entre a Xunta e os representantes dos traballadores rematou sen acordo. No relativo aos reforzos, o Goberno galego comprometeuse a presentar na seguinte reunión unha relación completa e actualizada dos reforzos que teñen máis de tres anos e unha proposta concretar na que se crearán as prazas que se consolidan, que servizos e en que localidades. O compromiso estendeuse a que estas prazas se creen e saían no concurso de 2018.
No caso das amortizacións, para poder pechar este punto, a representación do persoal esixe que se paralicen as amortizacións das prazas que tiñan pendentes e están ocupadas; desbloquear e sacar a concurso este ano aquelas prazas que aparecen na lista de amortizacións e quedaron vacantes; así como que a creación -para o concurso do ano 2019- do mesmo número de prazas que xa foron amortizadas efectivamente.
Sobre as substitucións, o comité de folga esixiu que, unha vez se redacte a nova normativa, as substitucións se cobren con efectos retroactivos do 1 de xaneiro de 2018. Dende a Xunta quedaron avaliar a proposta e de trasladala a Facenda.
Na cuestión na que se non produciu ningún avances foi en ITs. A Consellaría insiste en que se está pendente de que o Ministerio de Facenda elimine a penalización polas baixas laborais, e no caso de que isto non aconteza, limitou o seu compromiso a crear unha mesa de traballo. Dende o comité de folga reiteraron que calquera acordo está supeditado a que a regulación sobre incapacidades sexa a mesma que se lle aplica a maxistrados, fiscais, letrados ou a persoal doutras comunidades.
Nova oferta económica, «que nos sigue deixando por debaixo»
Na xuntanza do luns, a nova proposta da Xunta incrementa nuns 15 euros por corpo a presentada con anterioridade (90 euros para Xestión; de 76 euros para tramitación e de 68 euros para auxilio) e reduce nun ano o tempo para acadar o cento por cento das cantidades (pasando de tres a dous anos).
En todo caso, o secretario do sector de Xustiza da CIG, Xesús H. Sánchez, apuntaba que con esta oferta en 2020 o persoal da xustiza de Galiza seguirá estando por debaixo do que xa perciben os traballadores do sector na maioría dos territorios.
Fronte a isto, a proposta sindical foi de incrementos de 100 euros para 2018, que aceptarían que se atrasaran até marzo, cando a administración conta con que estean aprobados os orzamentos xerais do Estado, desaparecendo así a restrición de incremento retributivo para 2018.
O resto das subas serían de 75 euros para 2019 e de 50€ para 2020, acadando un incremento total de 225 euros. Ademais, contemplaría unha cláusula de revisión automática que empezaría a funcionar a partir de xaneiro de 2021 e reflectiría unha subida igual a media da subida do resto de territorios con competencia en xustiza.