A primeira xornada de folga no sector de elaborados do mar dará inicio na madrugada do luns con piquetes informativos percorrendo os principais centros de traballo e polígonos. Así, e segundo informa CIG-Mar, na comarca de Vigo desprazaranse desde as 23 horas do domingo ao inicio da quenda de noite en Pereira, para desprazarse ás 04:30 a outras factorías como Fandicosta ou Mascato.
No caso de Pontevedra, comezarán ás 04:00 da mañá desde Numarsi, no polígono de Campañó, e máis tarde irán até o porto de Marín para informaren as traballadoras/es en GPS ou Cabomar. Máis tarde, ás 11 horas, concentraranse ante as oficinas da patronal Conxemar, na Avenida Beiramar 29, en Vigo.
Xabier Aboi, da CIG-Mar, lembra que unhas sete mil persoas traballan neste sector en Galicia, un 80% mulleres, con salarios moi baixos e unha precarización crecente. Insiste en que o convenio estatal de produtos elaborados do mar, que expirou en 2015, é «o peor de todo o ámbito da alimentación». Unha situación tolerada durante anos, segun a CIG, por CCOO e UGT e que aumentou en capacidade reivindicativa tras acadar o sindicato nacionalista un 40% de representatividade sindical no noso país.
Unha das demandas principais é a do aumento salarial, xa que desde 2010 perderon poder adquisitivo ao non acadar sequera o incremento do IPC, empobrecendo unhas nóminas propias de «man de obra barata» que en moitos casos non chegan a mileuristas.
No tocante á recuperación de dereitos esixen limitar o traballo temporal e evitar a implantación de novas fórmulas abusivas como empresas multiservizos ou falsas cooperativas. Denuncian casos de centros de traballo nos que hai tres veces máis traballadores/as de ETT que contratados pola empresa principal, ou industrias onde operan até tres ETTs diferentes.
Alén diso, lembran nas condicións duras de traballo no sector, que decorre en ambientes moi húmidos e fríos, a velocidades de vertixe. É por iso que se reivindica un plus de refrixeración, así como outros pluses para traballos especiais.
A CIG-Mar continúa a reivindicar, pola súa banda, a necesidade estratéxica de contarmos cun convenio galego «que podería traer moitos beneficios» ao persoal dos elaborados do mar. Enfatiza, ademais, o «enorme prexuízo» de negociar en Madrid un convenio estatal que afecta unha actividade cun peso do 75% en Galiza e cuxa patronal maioritaria ten a sede en Vigo.