A decisión de seguir coa folga foi adoptada por unanimidade do persoal de Bershka na asemblea celebrada no local da CIG de Vigo, na que se analizou a proposta da empresa e se decidiron as próximas mobilizacións a desenvolver. As traballadoras consideran insuficiente a proposta económica de Bershka, que accedeu a abonarlles o plus de 80 euros do que gozan as súas compañeiras/os da Coruña pero non así o de 50 euros, segundo informou a CIG. Durante a negociación, a parte social amosouse disposta a rebaixar a cantidade á metade (25 euros) para desbloquear o conflito, máis a dirección ofreceu unicamente 10 euros.
Nas outras cuestións que se reclamaban (aumento do tempo de descanso, lactancia, vacacións, licenzas e permisos, incapacidade permamente, etc.) si que foi posíble o acordo, pero as conversas rompéronse ante a negativa da empresa a equiparar salarialmente ao persoal das distintas provincias. De feito, aínda non hai data para retomar os contactos, polo que as afectadas solicitaron a mediación do AGA.
Ao mesmo tempo, na asemblea as traballadoras/es tamén decidiron que volverán este venres día 3 a mobilizarse diante da sede central de Inditex, grupo téxtil ao que pertence Bershka, en Arteixo a partir das 12.00 horas.
O luns pasado xa se desprazaran até a localidade coruñesa para desenvolver unha concentración na empresa propiedade de Amancio Ortega, tras o que recibiron a chamada da dirección para manter unha xuntanza, que se celebrou ao día seguinte e que rematou sen acordo.
Apoio do BNG
Ademais, o BNG expresa o seu total apoio ás traballadoras de Bershka na súa oitava xornada de folga. “Estamos aquí para expresarlles en primeira persoa ás traballadoras de Bershka o total apoio do Bloque Nacionalista Galego ás súas reivindicacións e para recoñecer publicamente a súa loita”. Así explicaba o responsábel local do BNG, Serafín Otero, a súa presenza canda outros e outras dirixentes da fronte nacionalista nunha concentración realizada este xoves ás portas dun dos estabelecementos da firma do grupo Inditex en Vigo.
Esta problemática será trasladada á Comisión Europea. Así o anunciou esta mañá a voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, quen tamén participou na concentración e mantivo un encontro coas traballadoras e coa secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández. Miranda presentará con carácter inmediato unha iniciativa dirixida ao Comisario de Economía. “Despois do informe sobre elusión fiscal de Inditex que presentou recentemente o grupo parlamentar europeo do que o BNG fai parte, Imos poñer en coñecemento da Comisión Europea esta evidente situación de explotación laboral”, explicou Miranda.