A primeira mobilización consistiu nunha concentración que se desenvolveu na lonxa do Concello, onde os traballadores despregaron unha faixa na que se podía ler ‘Por un convenio xusto en SCI’ e berraron consignas criticando unha situación que se prolonga dende hai xa máis de dous anos.
Dende o comité de empresa denuncian as «malas prácticas» da empresa á hora de negociar ao constituír unha mesa que «non se axustaba á legalidade e que deu coma resultado a sinatura dun convenio que finalmente foi anulado pola xustiza».
Dende a CIG aseguran que, dende a finalización do último convenio legal en 2013, os empregados “non teñen ningún texto que os ampare e nesta nova negociación” e as propostas da empresa “pasan por aumentar a xornada laboral, traballar tamén as tardes do verán e subas salariais do 0,50% cada ano”.
Novas mobilizacións
O sindicato afirma igualmente que despois destes anos a perda de poder adquisitivo para o persoal desta compañía é dunha media de 6.000 euros ao ano, debido á conxelación salarial e a que a empresa non abonou nunca a prometida paga de beneficios anual.
As protestas convocadas polo comité de empresa (CIG e UGT) terán continuidade o vindeiro martes, cunha nova concentración na lonxa do Concello de Vigo entre as 11:30 e as 12:30 horas. Para este mércores hai prevista unha outra xuntanza da mesa negociadora do convenio en Madrid.