Política Social crece en 1,5 millóns de euros, un 9% máis, ata os 17,7 millóns de euros. Neste capítulo figuran partidas como os 540.000 euros para os Coidadores de Barrio, os case que 2,5 millóns para as axudas contra os desafiuzamentos, 1,8 millóns para axudas de libros e comedor escolar, 273.000 euros (un 14,7% máis que este ano) de apoio a comedores sociais, os 820.000 euros do centro de inclusión social, 329.000 euros para cooperación internacional e con entidades sociais, ou os 6,4 millóns (medio millón máis, un 8,4% de incremento) para Axuda no Fogar.
Educación achégase aos 15 millóns, 900.000 euros máis que este ano. As becas de inglés soben un 5,5% ata superar os 2 millóns de euros, 2,9 millóns destínanse á limpeza dos colexios, 750.000 euros para cubrir patios e os case que 1,5 millóns para as escolas infantís municipais, un 15% máis que este ano e que inclúe o novo centro de Bembrive.
Emprego eleva o seu orzamento por encima dos 6 millóns de euros, un 13,1% máis dos 5,3 millóns do documento en vigor para 2019. Dúas partidas superan o millón de euros: as axudas á creación de emprego e a iniciativa Vigo pola inserción laboral. Por outra banda, o goberno de Vigo reserva 36,7 millóns para Seguridade, aumentando a cantidade deste ano un 6,6%. Neste apartado figuran 880.000 euros para a regulación semafórica intelixente, entre outras partidas.
Deportes presenta un orzamento de 12 millóns de euros. A liña de subvencións a entidades de base sen ánimo de lucro incrementa a súa contía nun 8,8%, ata os 925.000 euros, cando en 2015 a cifra non chegaba ao medio millón de euros. O apoio directo aos clubs de elite suma 464.500 euros. Igualdade eleva o seu orzamento un 1,23% ata os 1,25 millóns de euros, con 241.000 euros para a Casa das Mulleres, entre as principais partidas.
Abel Caballero trasladou as cantidades asignadas para o 2020 a algunhas das principais áreas municipais, concluíndo cos 9,9 millóns de euros dedicados a Parques e Xardíns. Neste epígrafe aparece unha partida de 6,4 millóns de euros para o mantemento dos espazos verdes, cifra un 36,5% superior á deste ano (1,7 millóns máis).
O orzamento será aprobado pola Corporación Municipal nun pleno extraordinario que se celebrará o 14 de novembro. O visto e prace definitivo chegará a finais de decembro.