Abel Caballero reuniuse este luns con representantes de Feprohos, Vigovello e Zona Náutico con quen dixo que o Concello mantén unha «relación fluída» para tratar a posibilidade de que a zona de especial afluencia turística, circunscrita ao Casco Vello, o ensanche e Bouzas, sexa posta en valor entre os turistas que visitan a cidade con sinalización e información completa para «conducir, reconducir e chamar a atención» dos visitantes sobre o atractivo turístico desta zona «e todo o que pode facerse alí».
Ademais, o Concello e a hostalería estudarán de forma conxunta a maneira de canalizar «a inmensa afluencia que están tendo as Illas Cíes como enclave medioambiental e fundamentalmente como bandeira turística». Así, explicou o alcalde, o obxectivo é conseguir que os visitantes atopen outros atractivos na contorna da ría para pasar na cidade máis días logo da viaxe ao arquipélago, divulgando nestas accións as facilidades e recursos que ofrece a zona.