O voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, lembrou que o Código de Bo Goberno da FEMP, que preside o propio Abel Caballero, insta aos Gobernos locais a abrir ferramentas participativas, cosa que non sucede na cidade olívica. “A participación ridiculízase na resposta que dá Abel Caballero, que di que ‘hai participación porque o alcalde pasea pola cidade’”, argumentan. “A primeira eiva que xa ten este orzamento vén de prácticas coma presentalo a un medio de comunicación antes que aos Grupos municipais”, engade.
O grupo municipal require pois que se “mire á esquerda” para escoitar aos colectivos sociais “nun momento no que se agudizan as desigualdades e aumentan as situacións de emerxencia social”.
Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego presentou 74 emendas parciais que supoñen modificar as contas elaboradas polo goberno local por importe de 10.401.257 euros. As propostas céntranse en destinar máis medios á política social, o alargamento dos servizos públicos municipais, un maior compromiso “real e efectivo” coa igualdade e contra o machismo, así como para frear a desertización cultural “en marcha na cidade” e apostar por un Vigo máis verde e respectuoso co medio natural.
Para Igrexas o proxecto de orzamentos que se debaterá no Pleno deste venres, é “máis do mesmo”. “Estamos diante dunhas contas continuistas, que insisten en concentrar o investimento en cemento e gasto inaugurable. Uns orzamentos que poden ser bos para os intereses electoralistas de Caballero que vive nunha campaña electoral permanente, pero son moi malos para a cidade porque non atenden os problemas e as necesidades reais das viguesas e dos vigueses”, valorizou. Ademais, o edil nacionalista criticou que os orzamentos se volvesen elaborar “de costas á cidade e contando só coa opinión dos concelleiros e concelleiras do PSOE”.