Segundo a formación política, o feito de utilizar á factoría olívica como exemplo fronte á aragonesa, tal e como fixeron nas últimas horas directivos da compañía e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, “evidencia que a factoría viguesa é exemplo de precariedade laboral”.
«É lamentable que se empregue o termo ‘diferencial Vigo-resto de fábricas’ para ameazar ao cadro de persoal ou mesmo para rexeitar calquera proposta dos sindicatos, como a lóxica petición de subida salarial anual equivalente ao IPC ou a pausa de descanso no medio da xornada laboral. Isto o está facendo a dirección o grupo PSA en Figueruelas nos escritos ao seu comité de empresa, mais o realmente preocupante son as condicións que motivan esa denominación, que non veñen explicar outra realidade que a precarización que está a sufrir a planta de Vigo xa desde hai uns anos», sinalou este luns o voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez.
O grupo municipal asegurou que as «cada día máis precarias» condicións laborais na factoría do grupo PSA en Vigo, onde se externalizan procesos e postos de traballo coa escusa de «creación de centro especial de emprego», están sendo un experimento laboral para condicionar convenios e negociacións en diversas plantas, «expresado sen pudor, neste caso, ante o comité de empresa da factoría de Figueruelas facendo uso do concepto diferencial Vigo-resto».
Segundo Pérez, «PSA ten que deixar de ensuciar o nome de Vigo por Europa adiante equiparando a cidade co seu laboratorio de precariedade. Lembrámoslle ao grupo que a cidade ten feito esforzos encomiables para satisfacer as necesidades e plans industriais do grupo. Mesmo o goberno autonómico improvisou unha lei, chamada coloquialmente lei Vigo, en realidade lei de Medidas en Materia de Proxectos Públicos de Urxencia ou Excepcional Interese Público» para permitir de facto a reordenación urbanística do ámbito do polígono de Balaídos.
«Vigo responde e PSA debería crear emprego de calidade na cidade e non exportar modelos de explotación e miseria cos que ameazar ao resto das plantas do grupo industrial», engade Pérez.
Así, Marea de Vigo quixo amosar a súa solidariedade cos traballadores e traballadoras da planta de Figueruelas así como felicitar as seccións sindicais e membros do comité de empresa de PSA Vigo que amosaron a súa solidariedade e disposición a defender os dereitos das e dos traballadores de Zaragoza desde a cidade olívica.