O grupo municipal da Marea de Vigo, xunto co deputado de AGE Antón Sánchez, mantiveron este luns unha xuntanza coa dirección da PSA co obxectivo de clarificar a situación despois da anulación do PXOM e co debate que se está dando na Xunta sobre a modificación da Lei do Solo.
Nun comunicado de prensa, Marea de Vigo agradeceu a explicación que a dirección da PSA aportou sobre as necesidades urxentes da planta de Balaídos, que «non se corresponden cunha ampliación dos limites actuais da fabrica, senón que afectan a reorganización de espazos dentro dos limites xa existentes».
«Estes cambios quedan sen cobertura ante a anulación do PXOM de Vigo, a reorganización que pide con urxencia PSA, non ten nada que ver coa ampliación da mesma cara Matamá; e considera urxente permitir unha saída a esta situación para a que non sería necesaria unha modificación da lei do solo», afirma a Marea.
Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal, pide diálogo entre as forzas políticas no Concello de Vigo cara a chegar a un consenso para resolver esta situación, partindo «tanto da realidade sobre as necesidades da planta, como da legalidade urbanística, existindo fórmulas e instrumentos como os proxectos de incidencia supramunicipal, recollidos xa na lei de ordenación do territorio de Galicia dende o 1995, sen necesidade de hipotecar o futuro do urbanismo en todo o territorio do pais cunha modificación que pode ter graves consecuencias legais».
A Marea de Vigo pide «encarecidamente» ó goberno local «seriedade e responsabilidade» á hora de abordar esta cuestión, deixando de lado “cortoplacismos por motivos publicitarios (que xa comprobamos a longo prazo acaban en anulacións de plans urbanísticos), e así demostre que realmente se preocupa polo futuro industrial da cidade, co rigor e a seriedade que merece».
A Marea de Vigo considera que a “incontinencia verbal de Abel Caballero nos medios de comunicación, ademais de crear desinformación, confusión e medo na cidadanía, só se pode entender dende unha perspectiva electoralista e populista, a que xa estamos todas e todos acostumados, polo cal lembrámoslle que cambie de rexistro, posto que non estamos falando dun asunto da relevancia da “descendencia dos dinosetos” senón do desenvolvemento industrial de Vigo con todo o que conleva».