Imprimir esta página

A folga polos despidos en Vodafone mantén pechadas as tendas de Vigo

A FGAMT-CIG amosa o seu rexeitamento ao ERE extintivo para 32 empregados da cidade

13 Febrero 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
Concentración en Urzaiz, este mércores. / Foto: CIG Concentración en Urzaiz, este mércores. / Foto: CIG

As xornadas de folga de 24 horas que os comités de Vodafone están a convocar a escala estatal contra os despidos mantiveron este mércores pechadas as tendas de Vigo, tal e como sucedeu o pasado luns. Dende a FGAMT-CIG amosan o seu rexeitamento ao ERE extintivo para 1.125 empregados no conxunto do Estado, 32 deles en Vigo.

O persoal vigués de Vodafone aproveitou a nova xornada de folga para desenvolver protestas, que tiveron lugar no farol de Urzaiz cunha concentración. As tendas permaneceron pechadas como consecuencia dun paro que volveu a ter un “amplo seguimento entre o cadro de persoal, o que tamén está a afectar a actividade da compañía”, segundo indica a CIG.

As mobilizacións continuarán este sábado día 16, cando empregados de Vodafone de todo o Estado acudirán a Madrid para desenvolver unha marcha entre as tendas da rúa Fincárela e da Porta do Sol. O obxectivo é lograr que a dirección da compañía desista de aplicar un ERE que afectaría o 22% do cadro de persoal.

Rexeitamento do ERE
Dende a FGAMT-CIG amosaron o seu total rexeitamento ao ERE extintivo, medida que consideran totalmente inxustificada nunha empresa que ten beneficios a pesar de que a dirección argumenta que é necesario para facerlle fronte á caída de ingresos derivada do aumento das ofertas de baixo custe.

Na central entenden que a situación da compañía non é responsabilidade dos traballadores, polo que non poden ser eles os que padezan as consecuencias do plan de aforro de custes anunciado polo conselleiro delegado de Vodafone a comezos do pasado mes de xaneiro.

Lembran que o que agora se está a negociar é xa o terceiro ERE que a compañía presenta dende 2013, e que xa en 2012 presentara un ERTE. Como consecuencia destas medidas perderon o seu emprego un total de 1810 persoas no conxunto do Estado, das que 70 traballaban en Galicia. Neste tempo o cadro de persoal aceptou tamén reducir a xornada, as pagas variables e os incentivos.

Inicia sesión para enviar comentarios