“Se PSA ten comprometido un investimento de 640 millóns neste novo modelo, o V-20, isto supón para a industria de compoñentes un investimento de 3.000 millóns de euros, polo que o sector da automoción galego ten garantido un investimento nos próximos anos de algo máis de 3.600 millóns”, abondou, incidindo en que o proxecto K9 xunto co novo proxecto V-20 supoñen despexar a carga de traballo ata 2026 e ter unha década de oportunidades no sector.
Durante a súa intervención, Feijóo salientou así que este segundo lanzamento non só supón un novo estímulo para o traballo en I+D+i que vén realizando a industria da automoción en Galicia da man de Citroën e o CTAG; senón que, ademais, significa unha inxección de confianza nas capacidades das empresas galegas provedoras da planta.
Non en van, este novo modelo ademais de implicar un investimento de 640 millóns de euros, garante á planta unha produción de entre 450.000 e 500.000 unidades ao ano, e contribúe a que o peso da industria no conxunto do PIB de Galicia poida alcanzar no 2020 o 20%, o que axudaría a cumprir a previsión de crear 100.000 novos empregos na próxima década vinculados ao ámbito industrial. Así mesmo, subliñou que a industria de compoñentes incrementou no último ano o número de empregos en 1.000 novos postos de traballo.
Feijóo asegurou que a Xunta seguirá traballando con PSA, co CTAG e con Ceaga“desde o minuto un” para que este novo modelo deixe carga de traballo, emprego, facturación, exportacións, incremento da produción industrial e un maior peso da industria no PIB. “Seguiremos traballando, en definitiva, para que cada vez haxa máis pezas fabricadas en Galicia nos modelos de PSA e para que a innovación desde o CTAG siga sendo útil para a automoción”, afirmou.
Un paquete económico para a industria galega
Nesta liña, destacou a posta en marcha desde a Xunta dunha nova convocatoria para contratar ata 300 novos investigadores na comunidade autónoma, e avanzou, tamén, que no vindeiro Consello o Goberno galego concretará un paquete económico para toda a industria de Galicia —incluída a industria da automoción—, “que financiaremos co superávit de responsabilidade por ter cumprido o déficit público”.
O titular do Goberno galego concluíu felicitando a toda a industria de compoñentes e ao CTAG, e afirmou que ambos os dous, xunto coa eficiencia na produción, foron as tres claves para a adxudicación do novo proxecto V-20.