No caso de Vigo, a protesta terá lugar ás 18.00 horas na Doblada. Alí, a CIG demandará o adianto da idade de xubilación, como mínimo aos 65 anos; a equiparación da pensión mínima ao salario mínimo; que a actualización anual das pensións sexa equivalente, como mínimo, ao IPC; rematar coas bonificacións e descontos para o empresariado nas cotizacións; a supresión do límite máximo de cotización para os salarios máis altos; e acabar co uso indebido dos fondos da caixa da Seguridade Social, dedicándoa a financiar as pensións contributivas, de viuvez e orfandade, e asumindo as demais pensións asistenciais e subsidios mediante os Orzamentos Xerais do Estado.
Neste senso, advirten de que os “ataques” ao sistema público de pensións pretenden xustificar o seu desmantelamento para introducir plans privados destinados a enriquecer a banca e as grandes empresas e lembran que as reformas de PP e PSOE dificultaron o acceso ás pensións, empobrecéronas e atrasaron a idade de xubilación.
Sinalan que a pensión media en Galicia é 15 puntos máis baixa que a media estatal, situando o noso país como o segundo territorio coas prestacións máis baixas despois de Estremadura, ao tempo que critican que as mulleres sexan as máis prexudicadas ao ter vidas laborais precarias e con lagoas nas cotizacións. Finalmente, reiteran que as pensións públicas deben ser garantidas pola Administración.
Autobuses desde O Porriño
Ademais, o Concello do Porriño informou este luns de que facilitará autobuses a aqueles veciños que queiran asistir á manifestación convocada para o vindeiro sábado, 17 de marzo, en Vigo en Defensa das Pensións Públicas, convocada pola Coordinadora pola Defensa do Sistema Público de Pensións.
As persoas interesadas en participar poden anotarse na casa consistorio ata este xoves ás 12:00 horas.