As protestas tiveron lugar, tal e como decidiron onte os traballadores en asemblea, diante das oficinas da concesionaria municipal, na rúa Manuel Núñez, onde os delegados do comité despregaron unha faixa e fixeron ruído cun bombo e con bucinas. Ademais, berraron consignas como “Nesta concesión falta información” e “Menos horas extra e máis contratacións”.
A CIG informou de que os traballdores denuncian que Valoriza négase a facilitar información económica, de absentismo ou sobre os contratos, tal e como establece o artigo 64 do Estatuto dos Traballadores. Ademais, está a facer «cesión ilegal» de traballadores, obrigando a un condutor de camión a trasladarse até o concello de Poio, onde a empresa ten outra concesión. “E cando o presidente do comité lle dixo á dirección que non podían facelo cambiaron o condutor e mandaron outro no seu lugar”, critican. Diante disto, presentaron reiteradas denuncias diante da Inspección de Traballo, que instou a empresa a informar ao comité, “pero seguimos agardando”.
Deterioro do servizo
Ao mesmo tempo, a representación sindical denuncia o deterioro do servizo como consecuencia da falta de persoal, até o punto de que a empresa está a utilizar a xardineiros como socorristas nas piscinas para non ter que contratar máis empregados. “Hai zonas verdes sen matemento e sen regar axeitadamente” como consecuencia da falta de contratación, circunstancia que está detrás do peche dunha das piscinas de Samil. “Non é por unha avería como din os responsábeis municipais, senón que se debe a que non queren contratar ás tres persoas que serían necesarias para mantela aberta”.
De feito, sinalan que a empresa utiliza a xardineiros que teñen titulación de socorrista para vixiar as piscinas, en lugar de contratar os 17 traballadores para esta función que fixa o prego de condicións. Segundo os cálculos que manexan, dos 110 empregados da concesionaria, “unicamente menos de 40 estarían en activo nestes momentos na cidade”.