Segundo explican dende a representación sindical dos arredor de 80 empregado, coa concentración que ía ter lugar diante das instalacións de GKN na avenida de Citroën querían reclamar a aplicación íntegra do convenio provincial do Metal, o que suporía un considerábel aumento de soldos.
Ata hai catro anos a empresa aplicáballes o convenio de Comercio de Artes Gráficas, mais unha sentenza que chegou a finais de 2014 tras unha denuncia da CIG recoñecéuselles o dereito a gozar das condicións laborais establecidas no convenio provincial do Metal de Pontevedra. Dende entón as condicións laborais están equiparadas, a excepción dos salarios.
Diante disto, o persoal decidira en asemblea levar a cabo mobilizacións e presentar demandas contra as empresas por cesión ilegal de traballadores, ao tempo que non descartaba convocar paros no mes de setembro. Pero o acordo subscrito onte coa empresa, que foi validado polos traballadores, permitiu suspender as protestas.