Esta Unidade Mixta de Investigación, que conta cun orzamento de 2.785.500 euros dos que un 30% proceden de fondos públicos da Xunta de Galicia, ten como obxectivo desenvolver novas tecnoloxías para a fabricación sostible e de alto rendemento de compoñentes de transmisión para a industria da automoción, con aplicación a medio-longo prazo a outros sectores industriais.
Esta aposta permitiralle á planta viguesa afianzar a súa posición de referencia nos procesos de indución e mecanizado, así como aumentar en máis dun 5% a súa produtividade, incrementando a cota de mercado global de GKN Vigo nun 1%.
Argerey sinalou que a consecución deste obxectivo reverterá nun sector máis sólido, con empresas de maior tamaño, maior economía de escala, máis músculo financeiro e máis diversificado.
Ademais, permitirá consolidar clientes e manter volume de negocio en España, incrementando investimentos en I+D+i en Galicia. Tamén destacou o impacto que aporta Aimen como elemento dinamizador da capacidade tecnolóxica e innovadora sobre a cadea de valor das empresas asentadas en Galicia.
Balance Unidades Mixtas de Investigación
Con esta, son xa 24 as Unidades Mixtas de Investigación impulsadas pola Xunta dende 2014, que están a mobilizar 84 millóns de euros cunha inxección de fondos públicos de 23 millóns. Proximamente, resolverase a cuarta convocatoria que prevé mobilizar 17 millóns de euros e a creación de 60 empregos cualificados.
Destas 24 Unidades, 8 están vencelladas ao sector da automoción, nas que participan empresas como PSA, Grupo Copo, Borgwarner, Viza, GKN Driveline ou MGI Courtier en colaboración cos centros tecnolóxicos CTAG e Aimen. Estas 8 Unidades recibiron 7,3 millóns de euros e están mobilizando 22,4 millóns.
As unidades mixtas de investigación son centros de innovación mixtos, formados por grandes empresas e centros de coñecemento, que teñen como obxectivo dinamizar iniciativas innovadoras de vangarda, impulsar a competitividade do tecido empresarial e xerar empregos cualificados.